venres, 27 de agosto de 2021

PAULOWNIAE TOMENTOSA


Esta árbore é da familia das Paulowniáceae e o seu nome común é Paulonia Imperial aínda que tamén se coñece como Árbore Emperatriz ou Kiri
As súas orixes están en China e foi introducida en Europa a partires de 1834. 
Segundo a tradición China cada vez que nacía unha nena plantábase un Kiri que sería cortado cando a moza se prometese en casamento para facer mobles e outros enseres para a nova familia.
Lexendariamente, na cultura popular deste país, decíase que o Ave Fénix só se pousaría nunha árbore Kiri moi forte. 
Segundo a tradición rusa o nome de Paulownia foille posto na honra da princesa real Paulownia Pavlovnia Anna, filla do zar de Rusia Pablo I, xa que sería desde este país desde onde se introduciría esta árbore en Europa (s XIX). 



Esta árbore frondosa, que medra en altitudes inferiores aos 1800m, pode alcanzar os 30 m de altura e un diámetro de entre sete e vinte metros cunha cortiza de cor marrón-grisáceo.
A súa copa é ampla e con forma de paraugas cunhas follas que poden chegar aos 40 cm de diámetro nunhas ramas con pequenas lenticelas (amarelo-vermellas) para realizar o intercambio de gases.De feito tamén recibe o nome de “árbore da vida” polas súas propiedades osixenantes.


Ten unha abundante floración a comezos da primavera, de cor lila-rosado e en forma de trompeta, pero para eso é moi importante o xeito de podar; débese podar despois da floración dun xeito superficial se queremos que produza moitas flores xa que se podamos dun xeito máis profundo conseguiremos que as follas sexan máis grandes pero reduciremos a súa capacidade de floración. 



Exemplar de Kiri no Ecomuseo
Pode vivir sen problema en solos pobres ou contaminados porque lle axuda a recuperar as súas propiedades aportando nitróxeno e osixenándoos, atraendo tamén unha grande cantidade de microorganismos e fauna edáfica en maior grao que outras especies. Tolera moi ben as secas e tamén é moi resistente ao lume, de feito a súa madeira funciona como un bo aillante. A madeira de Kiri é moi usada en Nova Zelanda e Australia para material de deporte acuático como táboas de surf; instrumentos musicais, artesanía, etc. E videntemente estas árbores tamén son moi apreciadas en China para reforestar camiños, como plantas ornamentais, etc.
Pero se hai algo que non lle gusta a esta árbore é a competencia e se algunha outra árbore lle fai sombra o kiri acabará morrendo.

Hoxe é doado ver esta árbore ornamentando e dando sombra ás rúas dalgunhas vilas e cidades de Galicia,pero por se non as vistes, no Ecomuseo de Arxeriz tedes un exemplar aínda moi noviño. 






mércores, 28 de abril de 2021

O RESCATE DO ÚLTIMO BARCO DE DORNAS

    Na semana pasada o Ecomuseo de Arxeriz puxo en marcha un operativo para rescatar o derradeiro barco de dornas do que temos coñecemento; en ningún momento se nos pasou polo maxín que se puidese conservar un barco que se deu por desaparecido dos nosos ríos desde a construcción dos encoros do Sil e do Miño.

O BARCO DE DORNAS

    O barco de dornas é unha tipoloxía de embarcación moi peculiar que se foi esvaíndo e quedando os últimos exemplares entre Peares e Belesar, máis a zona da desembocadura do Sil. De feito éste navegou entre a zona de S. Cosmede e a desembocadura do río Cabe, entre Pantón e Noguera de Ramuín.

    Trátase dun tipo de embarcación cunha orixe ancestral, polivalente, universal e con especial adicación á pesca fluvial, servindo para outras labouras e servizos propios da ribeira e que por algunha razón foi quedando relegada á zona de encontro dos dous grandes ríos galegos .



    Recibe o nome de "barco de dornas" por estar feito con dúas toradas de castiñeiro, “dornos/dornas”, baleirados por dentro cunha aixola e machada que cumpren a función de flotadores da embarcación . No extremo máis alto de cada torada perfílase unha proa apuntada denominada “biqueira"; a parte de atrás  péchase cunha táboa, “ tempo”, sobre unha pequena prolongación aplanada do propio tronco que lle axuda á navegabilidade denominada “recabé”; a zona escavada no interior  é regular dun extremo a outro, a parte aberta  é estreita e alongada por todo o tronco ata dar a apariencia dunha canoa.


Nomenclatura das diferentes partes do barco de dornas segundo Xaquín Lorenzo "O Xocas"


As dúas toradas dispóñense en paralelo a 1 metro aproximadamente e xúnguense cuns traveseiros ben suxeitos por unhos “bios” de madeira que a modo de pasadores impiden que os traveseiros se movan e conformen un corpo coas dornas; un pau a modo de travesa cara a biqueira e outro na parte de atrás son a base estructural sobre a que se monta unha tarima de cangos de pino ou bidueiro, “o piso”, que se adaptan coa forma das dornas, máis alto na biqueira; nos laterais externos de cada dorno crávase un ferro, “o cambón”, que serve para meter o remo pola fura  central.  Os remos de castiñeiro miden 3´60 m. e descansan sobre unha peza de cortiza dentro do cambón.

As medidas do barco son de 3´20 m. de longo por 1´70 m de ancho, a biqueira ten 76 cm de alto e o recabé sobresae 14 cm.

O RESCATE

 Este achádego foi posible por que un  bo día de marzo, Agustín achegouse polo Ecomuseo e deixou recado ( logo de aconsellarse co seu amigo Manuel Gago ) de que no baixo dunha casa da Ribeira Sacra atopara algo que lle chamou poderosamente a atención, unha especie de canoas de madeira que aparentaban ser moi vellas. Sacoulle unhas fotos na penumbra do soto na que se deixaban entrever as dornas dun barco e anotou a localización do lugar: a última casa do lugar do aparcadeiro ferroviario de S. Estevo a carón da desembocadura do río Cabe no Sil,  concello de Pantón, en frente de A Barca en Sober. Á casa chégase pola  vía do tren logo de pasar os tres enormes silos que no seu día serviron para facer o formigón para os encoros cercanos.


O último barco de dornas rescatado polo Ecomuseo de Arxeriz


 A través de Diego, único veciño estable do lugar, patrón de catamarán reconvertido en taberneiro e fedatario do acontecer de S. Estevo puidemos dar con Isidro,  o dono do barco que xa tiña vendida a casa natal ao panadeiro de Millán en Sober. Diego conseguíu o teléfono de Isidro e logo de achegarnos varias veces polo lugar puidemos  comprobar que milagrosamente alí estaba varado en seco o último barco de dornas da Ribeira Sacra e de toda a rede fluvial, como un tesouro da nosa cultura material que servíu ao pai de Isidro para ir de pesca polo Sil a coller anguías, troitas e salmóns con galaritos, nasas e trasmaios, peixes que  metía na cavidade do tronco coa auga suficiente para que  se mantivesen vivos antes de descargalos en terra ou en pías para mantelos días.

 

O último barco de dornas rescatado polo Ecomuseo de Arxeriz


Segundo Isidro, o barco fíxose no ano 1.945 para sustituir ao anterior , xa moi desgastado, e navegou nas augas do Sil ata que no 1959 a presa de S. Pedro rematou por cegar a faciana natural do río e o barco pasou a ser gardado nos baixos da casa do seu propietario.

A día de hoxe, esta peza tan sobranceira da vida nos rios Sil e Miño está á espera de que se lle realice a restauración e consolidación  pertinente  para finalmente poder expoñela na sala da Cultura Fluvial do Ecomuseo de Arxeriz.

AGRADECEMENTOS

 Queremos agradecer a Agustín  a súa información da existencia do barco sen a cal non a teriamos atopado, a Manuel Gago o consello de confiar no Ecomuseo, a Celestino pola axuda nas pescudas previas e a primeira viaxe de comprobación, a Ana pola compaña noutra incursión,  a Paco e Pepe Troyas pola axuda para rescatalo, a Diego a colaboración para localizar ao dono e a Isidro a disposición de desfacerse en bon trato dun retallo da súa historia familiar e de toda a Ribeira Sacra e da cultura fluvial.


mércores, 26 de xuño de 2019

O FOLIÓN DE CHANTADA DISPONSE A ENTRAR NO ECOMUSEO PAZO DE ARXERIZ


A Asociación Amigos do Folión e o Ecomuseo Pazo de Arxeriz (O Saviñao) ultiman a preparación dunha sección deste centro dedicada ao tradicional desfile de carros de Chantada que será inaugurada este verán, se ven aínda non se marcou unha data concreta para a súa apertura. A montaxe da nova sala do museo requeriu cerca de tres anos de traballo, segundo explica o presidente da asociación, Manuel Vázquez.


Noticia completa en La Voz de Galicia

xoves, 25 de abril de 2019

O Ecomuseo Pazo de Arxeriz participa no Plan Proxecta da Xunta

María del Mar Bóveda López, con raíces familiares en Chantada, é a coordinadora dun dos programas incluídos este ano no plan Proxecta de educación patrimonial que promoven as consellerías de Educación e Cultura. Este programa, dirixido aos centros educativos, está centrado no patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra do Miño.

Noticia completa en La Voz de Galicia

sábado, 6 de abril de 2019

UN RÍO QUE NUNCA FOI OBSTÁCULO



"Houbo unha época en que as infraestruras non eran tan boas. Aínda así, o inxenio do rural sempre superou calquera tipo de obstáculos para levar a cabo a súa actividade cotiá.
As barcas eran as grandes aliadas dos veciños. Ata os primeiros anos do 1960 serviron para transportar xente, gando ou mercadorías e tamén para introducirse río adentro pescar.
Segundo teñen sinalado varios estudosos no tema, estas barcas eran resistentes e lonxevas. Podían aguantar 25 anos e levar cargas de ata 3.000 quilos. O ecomuseo de Arxeriz, que xestiona a fundación Xosé Soto de Fión no Saviñao, ten unha sala adicada a este medio de transporte que durante séculos serviu para que calquera persoa que tivera a súa residencia nunha aldea da ribeira do Miño, estivese no concello que estivese, non tivera problemas para desprazarse."
Noticia completa en El Progreso

venres, 5 de abril de 2019

AS "GYMKANAS" TURÍSTICAS UNHA NOVA FORMA DE VISITAR O PAZO DE ARXERIZ

El ecomuseo Pazo de Arxeriz, en el municipio de O Saviñao, puede visitarse a partir de ahora con el apoyo de unaplataforma digital que ofrece de forma gratuita un producto denominado «gincanas turísticas».




Noticia completa en La Voz de Galicia

mércores, 9 de xaneiro de 2019

E románico de la Ribeira Sacra convertido en recuerdo turístico

El ecomuseo Pazo de Arxeriz, en o Saviñao, empezó a comercializar un recuerdo turístico que consiste en una reproducción del rosetón de la iglesia románica de Santo Estevo de Ribas de Miño.
Noticia completa en La Voz de Galicia