Esta árbore é da familia das Paulowniáceae e o seu nome común é Paulonia
Imperial aínda que tamén se coñece como Árbore Emperatriz ou Kiri.
As súas
orixes están en China e foi introducida en Europa a partires de 1834.
Segundo a
tradición China cada vez que nacía unha nena plantábase un Kiri que sería
cortado cando a moza se prometese en casamento para facer mobles e outros
enseres para a nova familia.
Lexendariamente, na cultura popular deste país,
decíase que o Ave Fénix só se pousaría nunha árbore Kiri moi forte.
Segundo a
tradición rusa o nome de Paulownia foille posto na honra da princesa real
Paulownia Pavlovnia Anna, filla do zar de Rusia Pablo I, xa que sería desde este
país desde onde se introduciría esta árbore en Europa (s XIX).
Esta árbore
frondosa, que medra en altitudes inferiores aos 1800m, pode alcanzar os 30 m de
altura e un diámetro de entre sete e vinte metros cunha cortiza de cor
marrón-grisáceo.
A súa copa é ampla e con forma de paraugas cunhas follas que
poden chegar aos 40 cm de diámetro nunhas ramas con pequenas lenticelas
(amarelo-vermellas) para realizar o intercambio de gases.De feito tamén recibe
o nome de “árbore da vida” polas súas propiedades osixenantes.
Ten unha abundante
floración a comezos da primavera, de cor lila-rosado e en forma de trompeta,
pero para eso é moi importante o xeito de podar; débese podar despois
da floración dun xeito superficial se queremos que produza moitas flores xa que
se podamos dun xeito máis profundo conseguiremos que as follas sexan máis
grandes pero reduciremos a súa capacidade de floración.
Exemplar de Kiri no Ecomuseo |
Pero se hai algo que non lle gusta a esta árbore é a competencia e se algunha outra árbore lle fai sombra o kiri acabará morrendo.
Hoxe é doado ver esta árbore ornamentando e dando sombra ás rúas dalgunhas vilas e cidades de Galicia,pero por se non as vistes, no Ecomuseo de Arxeriz tedes un exemplar aínda moi noviño.