xoves, 27 de decembro de 2018

2ª EDICIÓN DA GUÍA DAS IGREXAS ROMÁNICAS DA RIBEIRA SACRA

Esgotada a 1ª edición, xa estamos a ultimar os detalles para que este 2019 nos agasalle cunha nova edición da "Guía das Igrexas Románicas da Ribeira Sacra" onde, baixo a dirección de José Antonio Quiroga Díaz, a Fundación Xosé Soto fai unha recompilación das mostras máis represntativas da arquitectura románica neste territorio.

Noticia completa en El Progreso

UN ANO DIFERENTE PARA OS CASTROS DA RIBEIRA SACRA

¿Como evoluciona o estudo e a conservación dos castros do sur da provincia de Lugo?
En La Voz de Galicia fannos un resumo.

martes, 4 de decembro de 2018

MOUROS E MOURAS


Mouros e mouras

1.introducción
As lendas de mouros e mouras permítennos construir un discurso simbólico entre o pasado e presente, permítennos dar explicacións a aquelas cousas que non coñecemos ou se perden no tempo,   son un alicerce fundamental da nosa identidade como pobo e da nosa cultura tradicional.
As lendas, que durante décadas pasaron de xeración en xeración a través de relatos contados nas noites de inverno nas lareiras das cociñas  servían para dotar de significado as pegadas do pasado que se perde na noite dos tempos ou para diferenciar o feito polo home do feito pola naturaza, hoxe  esmorecen nunha época na que as lendas carecen de importancia e só se presta atención ao escaparate virtual da modernidade.
Fagamos un repaso destas lendas a través destas liñas:

2. Orixe das lendas
Parece ser que o a lenda máis antiga referenciada en texto escrito aparece no “Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia” de Vasco de Aponte (s. XVI), unha lenda nobiliaria relacionada coa Casa dos Moscoso:
“Este Álvaro Pérez duró poco y, según fama, entrando en la coba da Coruja a buscar un gran tesoro por consejo de un freire que era gran nigromante, y llevando consigo treinta escuderos y peones muy enforçados, y ante ellos muchas achas encendidas y troncones muy grandes de roble y cordas longas amarradas en la entrada de la coba con estacas, y la gente bien armada, y entrando por la coba adentro, hallaron aves tan grandes que les daban muy grandes golpes en las caras, y anduvieron asta llegar a un gran río caudal, y vieron del otro cabo dél gentes estrañas, fermosas, ricamente vestidas, tañendo instrumentos y viendo grandes tesoros. Pero tubieron tan gran miedo al río que no lo osaron pasar; y todos de un acuerdo dieron vuelta, más el freyre deçía: “Adelante, adelante, que no es nada”. Y ellos no lo quisieron creer. Y entonces salió tan grande viento que les apagó las achas. Y en tan buen día, quando se pudieron salir, dio por ellos un aire emponçoñado que no salieron del año con vida, y el freyre luego perdió la vista de los ojos” (Vasco de Aponte, 207).
Hai quen ve a referencia máis antiga no Codex Calixtinus  cando di que: «A terra dos galegos é rica en ouro e prata, e en tecidos e peles silvestres e noutras riquezas e, sobre todo, en tesouros sarracenos» no que unha mala interpretación e traducción literal fai que se mesturen os “nosos mouros” cos “sarracenos”; aínda hoxe é  frecuente que se confundan mouros galegos con sarracenos musulmáns.




3.Mouros

Os Mouros  son considerados nas lendas como os antigos poboadores do noso territorio que viven en lugares nos que as persoas non poderiamos vivir, por exemplo baixo terra; en Vilacaíz (O Saviñao) hai que ter coidado ó traballar as terras en certos sitios, non se pode afondar moito, porque as casas dos mouros están debaixo e tropezan as ferramentas nos tellados, por eso algunha vez os mouros lles berran ós labregos: «Ai hom cerra o arado, non ares tan fondo que me destellas a casa»
Saen de noite porque viven doutro modo que os cristiáns e dormen de día, procurando non ser vistos por ninguén. Viven en grandes palacios e se algúen quere oilos cando están de festa teñen que ir ás 12 ou 1 da noite do sábado e óense tocar campaíñas moi fortes, operación que fan os homes, mentras as mulleres cantan coma os anxos.(Castro de Illón, O Saviñao) 
No castro hai grandes habitacións moi luxosas, co teito sostido por vigas de ferro, de metal e ata de ouro”(castro de Abuime,O Saviñao)
 Realizan actividades comúns ós campesinos como cociñar, tender a roupa ou críar gando, galiñas ou porcos; agora ben, os seus obxectos cotiáns como grades, arados, ou carros son de ouro
 Cerca do castro hai unha pia nunha pena que din era onde os mouros levaban a beber ós cabalos,deixando impresas as ferraduras na superficie”( castro de Abuime,O Saviñao)      
“Os moros  viven no castro por baixo da terra.As xentes venos sair ás veces por buratos e van facer compras á feira de Ferreira…” (Castro de Ferreira,Pantón) 
Aparecen como construtores de castros e donos de grandes riquezas e  fabulosos tesouros, tenden enormes cadeas de ouro que unen castros ou unen un castro e un río ou un monte. Tamén calquera construción ou ruína de orixe descoñecida, penedo que non pareza natural ou que non se sabe quen o fixo é cousa de mouros.
No castro da Orxaínza(O Saviñao), por exemplo, un veciño conta como un home pasaba preto do castro e atopou un baúl no camiño; quixo levalo para sua casa pero non tivo forza para movelo e foi á casa buscar quen lle axudara; ó chegaren de novo ao castro o baúl tiña desaparecido.
Do castro de Castillón (Pantón) cóntase que saía unha cadea de ouro que chegaba a unha fonte con un nome que comezaba por A e que pasaba tamén por un camiño donde o rodar de carros tiña que chegar a rozala. Ademáis no castro hai moitas riquezas soterradas, trouxéronas os do castro de Guítara, que estiveron un mes carrexando tesouros a lomo de camelo.
Higinio Otero relatou que desde o castro de Santa Mariña (pantón) ao de Guítara hai un camiño subterráneo,pero ten unha porta que non se pode abrir por estar pechada con unha reixa de ferro
En tempos, Emillio da Pousada contaba que tamén no Castro da Pousada (O Saviñao) sae unha cadea de ouro que pasaba por onde vai a carretera;parece que se ía descubrir pronto porque xa rozaban nela as rodas dos carros.Ao lado da cadea estaba un pote con fume de alquitrán que ao tocarlle encendía todo en lume.
Un dos castros máis chamativos en canto a riqueza parece que é o castro de Morgadán ou Morgade, en Carballedo, xa que facendo referencia á súa grandeza dise:
“Castro  Morgadán
Ten vintecinco á súa man
Soio o da Madanela
LLe dá po-la barbadela”
Entre o castro de Morgade e o de Santa Adega hai tres trabes, unha de ouro outra de prata ae outra de alquitrán, que está no medio das dúas. O que lle toque a esta derradeira more abrasadao
Os mouros fan tratos coa xente pedindo favores que pagan con tesouros  a cambio do cumprimento dun trato e do silencio da persoa; trato que a persoa non adoita cumprir polo que terá un castigo ou desgraza.
Algo así pasou no castro de Freán (O Saviñao), uns mouros deron a unha moza unha cesta chea de moedas de ouro dicíndolle que calara ben o caso; pero falou e as moedas convertéronse en carbóns.

Cerca do Castro de Felón (O Saviñao) vivía unha familia que tiña tratos cos mouros, quenes lles mantiñan os porcos e ao chegar a matanza pedíanlles a proba e os donos dábanlle o entrecostillar.
Soen aparecen en zonas non habitadas, lugares que son visitados polo campesiño cando vai  recoller leña, toxo, pedra, ou cando leva o gando a pacer; en lugares naturais que parecen feitos ou construídos por alguén como as pedras cabaleiradas, as marmitas de xigante, os pozos, os penedos figurativos, etc.


2. As mouras
As mouras (donas, damas, señoras, señoritas, raíñas)son mulleres encantadas de enorme beleza resaltada polo seu cabelo roxo, rubio ou louro, a súa pel branca e as súas meixelas rosadas.
Viven en fontes, pozas, penedos, castros, mámoas ou en formacións naturais peculiares.
Hai autores que sosteñen que a figura da moura é anterior á dos mouros e  que conserva trazos que a relacionan coas antigas deidades femininas vinculadas á natureza ou ó destino.
Outros que aprimeira referencia é no s. XVI, Julián Íñiguez de Medrano na súa obra "La Silva curiosa", cóntanos a lenda de Orcabella e o seu sepulcro situado no alto do monte San Guillerme, lenda que referencia o mito da moura asociada a un megalito.
E outros din que a primeira mención ás mouras é a de Vázquez de Orxas, a comezos do s. XVII, referente a un preito que mantivo cuns veciños pola propiedade dunha mámoa, na que segundo testemuñaban vivía unha moura de pelo roxo e grandes riquezas.
Son seres sensuais, sedutores  de grandes riquezas e xoias con forza sobrehumana aparecendo en moitas ocasións como construtoras de megalitos e pedras figurativas que levan sobre as súas cabezas.
Aparécense a unha persoa, pídelle un favor e dálle en agradecemento un presente, xeralmente de ouro, a cambio de gardar un segredo ou a non ver o regalo ata chegar a casa.

No castro de Regueiral (S. Vitorio-O Saviñao) está cerca a Peneda da Águia que ten un gran burato onde adoitaba poñerse  unha moura, un día pediulle a unha nena que  lle peinase a cabeza e despois de facerlle canto lle tiña mandado encheulle o mantelo de cousas pero sinaloulle como condición que non as mirara ata chegar á casa. A nena non fixo caso da condición e tirou o que levaba porque era unha grande cantidade de carbóns. Ao chegar á casa un carbón que quedara na doblez do mantelo transformárase en moeda de ouro. Entón a nena quixo volver xunto da moura pero nunca máis volveu aparecer.
As mouras aparecen representadas nalgunhas ocasións tecendo ou fiando con unha roca e un fuso, elementos que segundo alguns autores, as relacionan coas deusas indoeuropeas que fían o destino.
 Antes aparecían as mouras fiando y añadió: eu non-as vin, mais o meu pai aínda as veu algunhas veces.”(Castro de Vilasesteva,O Saviñao,)
Moitas veces aparece relacionada con unha serpe, un animal que simbólicamente presenta caracteres opostos, por exemplo no o cristianismo representa o mal, o pecado e en outras culturas e relixións é un dos símbolos típicos das deusas asociadas á terra e á fertilidade.
O castro de Amboade (Pantón) tiña un grande encantamento cando vivían nel os mouros, que foron xente que estivo aquí noutro tempo. O encanto estaba nunha adega que había por baixo do castro. Un señor ía todos os días a aquela adega e ao entrar subíalle polo corpo unha gran serpe que tan pronto como lle tocaba a cara se convertía nunha moza.era tan grande o poder daquela moza que había o seguinte refrán:
            “Cando nesta bodega falte o viño ha de faltar a auga no río Miño”
No castro de Morgadán (Carballedo) hai un grande tesouro,máis non se poderá atopar se non se desencanta primeiro unha moura coxa que alí vive.
Tamén tende a aparecer como un ser de forza sobrehumana capaz de transportar enormes pedras na cabeza e de construír dolmens, pedrafitas e outras formacións rochosas colosais

En ocasións amósase como moza casamenteira, unha  fermosa moza de louros cabelos que peitea incansablemente con peite de ouro. Esta moura fai o papel de muller nova e sedutora buscando esposo.

No Castro de Illón (O Saviñao) onde unha vez un señorito foi de caza ao castro para ver as mouras que saían á noite e quedou escondido.Sairon dúas e puxéronse a peitear apartadas a unha da outra.Unha era moi fermosa e o señorito achegouse para falar e ela non fuxiu.Víronse durante moitas noites e falaron ata de casamento; entón saíu un mouro de cara negra, viunos e marchou; ela rompeu a chorar e despediuse para sempre máis o mozo prometeu voltar para vela. Á noite seguinte volveu ao castro e oiu unha voz que o chamaba, cando mirou viu un culebrón randísimo co que colleu tanto medo que nunca máis volveu
Outras veces aparece como Raíña ou Señora quizais un dos mellores exemplos da moura como raíña o teñamos na lenda da raíña Lupa e tamén en moitas ocasións aparéese como a Vella case sempre asociada a penedos e á construcción dalgún megalito.

A cultura galega é moi rica en lendas aínda que hoxe en día a trasmisión oral que as mantiña vivas está a ser sustituida polos audivisuais uniformadores, a pesar desto quedan toponimos que fan alusión a algún destes personaxes mantendo viva a tradición que durante séculos foi encadeando o vínculo con pasado e territorio como a pía dos mouros en Abuime

Bibliografía

LÓPEZ CUEVILLAS, F., FRAGUAS, A., «Los castros de la tierra del Saviñao», III Congreso Arqueológico Nacional, Zaragoza, 1953.
QUINTÍA PEREIRA,R:Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. V Xornadas de Literatura de Tradición Oral Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular 
CUBA,X. R., MIRANDA, X. e REIGOSA, A. Diccionario dos seres míticos galegos, Edicións Xerais, Vigo, 1999. 

PARAFITA,A:Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementaridades en V Xornadas de Literatura de Tradición Oral Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular 
APARICIO CASADO B. "Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos". Mitología popular gallega"  Cadernos do Seminario de Sargadelos, Edicións do Castro, A Coruña, 1995.