sábado, 20 de xaneiro de 2018

ESTATÍSTICAS 2017 DO ECOMUSEO


"Ó longo do 2017, pasaron polas nosas instalacións un total de 5804 persoas. O 64% dos visitantes  eran de Galicia, na súa maioría -un 44%- da provincia de Lugo"

Noticia completa en La Voz de Galicia

xoves, 18 de xaneiro de 2018

LUME E TRADICIÓN

O lume é un elemento fundamental na cultura popular galega, estando presente en tódalas estacións do ano e relacionándose con diversos rituais e festividades; elemento que nos une a unha gran variedade de poboacións dispersas polo planeta.
Fogueira de San Xoán
Así o recolle Manuel Cabada Castro no seu artigo “Da anterga sacralización do lume ó actual ritual da queimada” (GRIAL nº129, 1996, 43-70) onde fai un repaso polos distintos rituais nos que está presente, dende o lume novo, o magosto, o tizón de Nadal, o lume do antroido, o lume coresmal, o lume de maio, as fogueiras de San Xoán ata a antiga e actual queimada. Neste mesmo artigo conclúe que “(...) pódese dicir que na cultura galega tradicional o simbolismo do lume ten unha presencia central e constante ó longo de todo o ano. O lume é vivido como sagrado, símbolo de vida, con eficacia purificatoria e protectora en moi variadas dimensións do existir individual e grupal.”
Nisto tamén concorda Carmelo Lisón Tolosana en “El fuego: permanencias y variaciones enigmáticas” (El fuego. Mitos, ritos y realidades, 1995, 25-41) onde recolle que o lume era utilizado como protector de persoas, animais e casas; contra meigallos e mal de ollo; pra “queimar a fada”, “o mal de araña”, “do aire” e “o enganido”.
Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González Reboredo no seu Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galicia (2010, 180 ) sinalan que “Os historiadores e etnógrafos, así coma algúns amantes das tradicións locais, tenderon a interpretar estes rituais ígneos como unha lembranza de vellas crenzas pre ou protohistóricas, concretamente relacionados cun pretendido pasado celta de Galiza.”
Fachós de Castelo (Taboada)
E así o recolle a “Gran Enciclopedia Gallega” na defición da palabra folión, onde Antonio Fraguas considera a posibilidade de que sexa un culto pagano cristianizado (Tomo XIII, 123-125)
Na Ribeira Sacra teñen moita sona tres festividades nas que o elemento principal é o lume: o folión de fachas de Vilelos, a queima das fachas de Castelo e a festa dos fachóns de Castro Caldelas, rituais onde a poboación local segue a manter viva a tradición de elaborar uns fachicos que alumearán a súa parroquia o día antes do patrón ou patroa da parroquia.
Nestes tres casos o lume convértese no “anunciador” da gran festa, “(...) é o chamado folión. Celebrado a véspera da festividade, ao anoitecer. Foi habitual en terras da provincia de Ourense e no sur de Lugo, e supoñía subir a un lugar destacado da paisaxe parroquial, como un outeiro ou un castro, e alí lanzar foguetes ou acender lumes que podían durar ata avanzada a noite.” (X. R. Mariño Ferro, X. M. González Reboredo,2010, 180).
Fachas de Vilelos
“De noche y al compás de las gaitas, van los hombres ascendiendo lentamente y como en procesión, llevando una luz en la mano, por las laderas del monte. Una vez en la cima forman un círculo en torno a los que hande disparar los fuegos artificiales, y mientras estos se queman, permanecen ellos graves y en silencio, en la mano la luz encendida y presenciando el disparo de los cohetes como si se tratase de una ceremonia importante”. (M. Murguía, Galicia (1888), 175).

As Fachas de Castro Caldelas
Esa luz da que fala Manuel Murguía son os atados vexetais ós que fai referencia X. M. Vázquez Rodríguez no artigo “Cerimonias de véspera. Os folións na ribeira sacra” (Boletín do Museo Provincial de Lugo, nº8, 1997, 215-290):
Os atados vexetais secos (palla, madeira, piñas...), que se usaban a modo de teas para alumarse na noite, son chamados co nome de “fachas” e as súas varinates –“fachos”, “fachóns”, “fachicos”, “fachucos”, “fachuzos”, etc. -. O uso de fachas era común en numerosos folións nocturnos na Ribeira Sagrada, estando estas na súa maioría construídas con agucios. Os agucios son os talos dunha planta coñecida en galego como abrótega, abondosa en montes baixos, e que unha vez recolleitados cando están secos e atados a un pao revestíndoo, prendíaselles lume, sendo a cobustión lenta polo que a iluminación era prolongada. Para elaborar as fachas utilízase ademais a “palla longa” das malladoras, atada a un pau cando o tamaño da facha era grande, á que se lle podían engadir “gamós” ou agucios.”
 
Agucios no castro de Arxeriz (O Saviñao)
·         O folión de fachas (Vilelos, O Saviñao)
Celébrase no mes de setembro, na véspera da festa da parroquia. Os veciños de Vilelos confeccionan as fachas con agucios que recollen previamente no mes de agosto, cando estes están ben secos. Elaboran varias fachas para subir ó castro, e un par delas de grandes dimensións que quedan chantadas no campo da festa, ó pé do castro da Besta.

Atado de agucios 
Arredor das doce da noite, comezan a prenderse as fachas individuais e veciños e público comezan a procesión cara a cima do castro, acompañados por un grupo de música tradicional rodean a croa do castro varias veces e volven ó campo da festa para prender as fachas maiores, e namentres arden actúan outro par de grupos musicais e sérveselles ós asistentes queimada e rosca con queixo.


·         Queima das fachas (Castelo, Taboada)
Esta celebración ten lugar a véspera da festa da parroquia de Castelo, no mes de setembro.
Os veciños da parroquia, normalmente cada casa, elaboran a súa facha, de grandes dimensións, e chántanas na croa do castro, onde se sobe despois da cea que comparten no campo da festa.
Cando rematan de arder, báixase ó campo da festa, ó pé do castro, e unha orquestra ameniza a velada ata ben entrada a madrugada.

·         Festas dos fachóns (Castro Caldelas)
A diferencia das dúas anteriores, a festa dos fachos de Castro Caldelas celébrase no mes de xaneiro, mais tamén a véspera do día do patrón.
Os veciños e veciñas desta vila, na actualidade é o concello o encargado, elaboran un gran facho que se coloca na praza diante da igrexa; e máis fachos de menor tamaño para que os asistentes á celebración poidan portar e pasear con eles acesos polas rúas do casco vello. O material vexetal utilizado neste caso é a palla, para o que, na actualidade, hai que programar a sementeira, sega e malla do pan, xa que é un cultivo que non abunda no noso rural.
Ó comezo é habitual que un folión (grupo de persoas que tocan un ritmo propio con instrumentos de percusión e apeiros de labranza) dalgunha das parroquias do concello animen a festa.
Ó rematar o percorrido, acéndese o gran facho e tíranse a el os restos dos que quedan ardendo. Namentres se queima sérvense chourizos asados con pan e viño, e un grupo de música tradicional acompaña ós bailadores ata que remata a festa ó apagarse o gran facho.
Gran facho final en Castro Caldelas

Olegario Sotelo Blanco describe en varios traballos a “Festa dos Fachós”, á que tamén chama “procesión dos fachós” de Castro Caldelas. Ó anoitecer comeza o desfile logo de concentrarse na entrada da vila pola estrada de Ourense, este percorrido faise con fachóns de palla acesos desde a praza do Prado, pasando polas rúas empedradas mentres as campás da igrexa non deixan de tocar, ata voltar ó Prado onde se queimarán as tes nunha gran fogueira diante do santuario, bailando arredor e ata saltando por riba do lume, botando o fogo polo aire, rematan barrendo a borralla polo chan e aventando as cinzas que logo serán estendidas polo pobo. Tamén se recolle que unha bomba de palenque é o sinal do comezo da marcha, na que se cantan coplas alusivas ó santo como “Viva San Sebastián, o bispo e o can”, ou “E a Marcela, e a cadela...” entre outros vítores a persoas coñecidas da comunidade, acompañadas no desfile por uns gaiteiros. Non falta a competitividade entre os mozos por levar o fachón máis grande, superando os doce metros de altura algúns exemplares no ano 1978.” (Boletín do Museo Provincial de Lugo, nº8, 1997, X. M. Vázquez, 228).