domingo, 14 de febreiro de 2016

VALIOSOS TESTEMUÑOS DA VESTIMENTA CASTREXA EN ARXERIZ

"Na sala de arqueoloxía castrexa do Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao, ocupará un lugar destacado unha serie de pezas que foron descubertas nas escavacións que se levan a cavo dende o 2013 no castro situado nos terreos que rodean o centro.
Trátase dunha colección de fíbulas -unhas pezas metálicas de pequeno tamaño utilizadas para suxeitar as prendas de vestir. que destacan pola súa calidade e o seu estado de conservación."
 Noticia completa en La Voz de Galicia



sábado, 6 de febreiro de 2016

MUSEALIZACIÓN DO CASTRO DE ARXERIZ

O pasado xoves instaláronse nas áreas escavadas tres paneis informativos con textos en galego, castelán e inglés que axudarán aos visitantes a entender a complexa estrutura deste asentamento prehistórico.
Leer noticia completa en

venres, 5 de febreiro de 2016

O ENTROIDO

En canto chega o ano novo o entroido xa comeza a petar nas nosas portas e no noso maxín. Nalgunhas aldeas de Galicia esta festa xa comeza no nadal, aínda que as datas "oficiais" son para dar comezo á Coresma cristiá.
Os estudosos desta festividade non se poñen dacordo coas súas orixes, hainos que postulan o nacemento do Entroido na Idade Media, como festa dentro do ciclo relixioso do cristianismo en contraposición á Coresma, e outros que retrotraen a festividade a datas e ritos romanos e/ou prehistóricos. A teoría máis espallada é a combinación de ámbalas dúas, o Entroido sería unha festividade do medioevo con escintileos e herdanzas de ritos ancestrais.
"... podemos dicir que a festa do Carnaval propiamente dito, co sentido burlesco e parodístico que ten hoxe, é propia do estilo de celebracións lúdicas da Idade Media, etapa histórica na que se configura como contrapeso festivo aos rigores que introduce a Coresma cristiá. Risa, burla, parodia, igualación social, alcohol, enchentes e toda sorte de bromas e excesos nutren os Carnavais. Pero non se pode negar que determinados ritos pagáns, propios do comezo da primavera e encamiñados a estimular a fecundidade, están incluídos nos Carnavais rurais máis antigos xunto a outros moitos costumes de intencionalidade distinta" (Cocho, Federico. O Carnaval en Galicia)
"Vicente Risco, nun traballo de madurez, atinou ao suxerir que o Entroido é unha festa claramente medieval, de oposición á Coresma. Haberá que engadir que iso non impide que conteña, como a relixión católica en xeral, elementos herdados da Antigüidade. (...) Para Mariño o Entroido non é un ritual pagán conservado dentro da sociedade cristiá, senón unha festa católica na que se representa as persoas que, como os pagáns máis tópicos, viven dominados polos praceres da carne."
(Mariño Ferro, X.R.; González Reboredo, X.M. Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galicia)
O entroido era o momento no que se deixaban de lado as convencións sociais, a moral e a vergoña, para dar paso ó poder dos instintos e pulsións máis primarias, ó gozo da carne, en previsión do tempo de reclusión da Coresma. Durante esta celebración tódalas persoas tiñan dereito a criticar o poder establecido, a deixalo en evidencia e a invertir o senso da vida diaria, a poñer o mundo ó revés.
Como ben di Federico Cocho en "O Carnaval en Galicia" :"O Entroido abría a espita á crítica. A unha crítica impensable o resto dos días na controladísima vida da aldea. O Entroido permitíao todo. O entroido dáballe azos á creatividade e á capacidade dramática de persoas alonxadas dos refinamentos  da cultura elitista."
No Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galicia de X.R. Mariño Ferro e X.M. González Reboredo atopamos reflectida a "inversión" do Entroido: "No entroido invértense os oficios, os ritos relixiosos, a música e as normas. Toda a realidade social pasa a través da lente inversora do Entroido. (...) O entroido deléitase cos excesos na comida, co sexo, cos xogos, coas diversións e con todo canto a Coresma prohibe. (...) Coas inversións do Entroido preténdese mostrar o desastroso e atolado funcionamento dunha sociedade con principios opostos aos admitidos. (...) O entroido non é, pois, supervivencia de nada, senón unha festa pensada ata o máis mínimo detalle para reforzar, por contraste, un ideal de vida."
Eles mesmos anuncian nesta publicación a pérdida da finalidade desta celebración: "Na actualidade celébrase o entroido con enorme participación de xente, en boa medida porque os etnógrafos a convenceron de que se trata dunha festa pagá. Pero, como corresponde á sociedade actual, laica e sen Coresma, a festa perdeu a función educativa e moral do pasado, se ben mantén outras. Segue a ser unha oportunidade para o divertimento e a inversión de roles. E as máscaras máis destacadas, (...) convertéronse en elementos de identidade local, o que activan a participación dos veciños e chaman a atención dos foráneos."
Debemos ter en conta que ademais do Entroido rural, tamén existía, e existe o Entroido ou "Carnaval" urbano, que se distingue por ser máis refinado e estar convocado e controlado polas autoridades e/ou entidades locais.
Como di Federico Cocho: "A principios deste século, a cidade galega contaba en realidade con dous tipos de Carnavais. O dos señoritos e xentes de ben vivir era un Carnaval de salón e carroza. O das clases baixas, que tanto amolaba á distante clase acaudalada, acentuaba os seus aspectos ordinarios e groseiros e enlazaba mellor coa tradición dos Carnavais grotescos da Idade Media e co contrapunto irreverente das mascaradas rurais". No seu libro O Carnaval en Galicia explica perfectamente os dous tipos de entroido, e, as orixes do Carnaval de cidade, carrozas e comparsas das vilas e cidades contemporáneas: "Trala guerra civil, O Carnaval desapareceu das rúas das cidades e (...) refuxiouse nos bailes de salón e círculos recreativos. Sempre houbo algún ousado, pero a festa non estaba na rúa. O estilo do Carnaval das cidades de hoxe é herdeiro directo do que organizaban as clases acomodadas da cidade con carácter restrictivo. É aquel Carnaval dos señoritos, agora popularizado e democratizado polas clases medias dominantes."
Deixando de lado o Carnaval e Entroido de Galicia en xeral, imos darlle un peso e importancia especial ó noso entroido, o entroido que lembran os nosos avós e no que algún incluso particpou:
O ENTROIDO RIBEIRAO
O entroido propio da ribeira do río Miño, ó seu paso pola Ribeira Sacra, é o Entroido Ribeirao. Este entroido celebrábase nas parroquias de ribeira do concello de Chantada; aínda que os volantes, peliqueiros e maragatos tamén levaban o son das súas chocas ás parroquias de máis preto dos concellos do Saviñao e Pantón.
Na actualidade a Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao segue traballando para manter esta tradición viva e para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico.
A continuación transcribimos un retallo do libro "O Carnaval en Galicia" de Federico Cocho, publicado no 1990 por Edicións Xerais de Galicia, no que describe este entroido singular galego tan importante para a identidade dos ribeiraos e ribeirás.

O ENTROIDO RIBEIRAO
"O volante é unha daquelas máscaras que, de coñecela, seguro que Vicente Risco a incluiría entre o que el denominaba máscaras finas. Viste de camisa branca e un pantalón adoito branco ou de bandeira, isto é, coas cores da bandeira galega ou española, o que require as habilidades dunha modista. Unhas vendas cruzadas dos nocelos ós xeonllos semellan as fitas duns zapatos de baile. Por riba da camisa levaba antano senllos panos de mariño, cruzados en cada ombreiro e sustituídos na actualidade por panos grandes de muller.
Os nativos afirman que as campaíñas que debe leva-lo volante na cintura -dous voluminosos cintos con 24 campaíñas cada un - teñen que ser necesariamente portuguesas. A nacionalidade do elemento sonoro parece ser un símbolo de calidade e solidez, (...) Cun retallo de tecido de saco o volante protéxese dos golpes que lle acarrean as propias campaíñas por mor dos continuos movementos e choutos que executa a máscara. Por enriba deste tecido de saco o volante loce unha faixa encarnada ou azul máis estética e riba dela coloca os cintos coas campaíñas.
Grande parte desta roupaxe case non a ve o espectador, por causa da aparatosidade do que teoricamente deberiamos chama-la máscara, pero que en realidade é un espectacular e colorista artiluxio que concentra a atención e marca a imaxe do volante da ribeira de Chantada. Os habitantes da comarca chámanlle pucho. As súas dimensións son de tal calibre que a súa estructura se apoia na cabeza e nos ombreiros. Chega a acada-lo metro de alto por 75 centímetros de ancho.
Este pucho consiste nunha estructura de arame e vimbio revestida con fitas e flores de papel de tódalas cores. As fitas colgan polo lombo e por diante case ata arrastrar polo chan. Pesa varios quilos e esixe do seu portador unha grande fortaleza e resistencia física. O volante - chamado así mesmo campanilleiro- non para un instante de danzar. A modo de coroación do pucho colócanse dúas monecas de xoguete e dous penachos. Leva a cara tisnada de negro ou cuberta cunha antiga careta artesanal, confeccionada en cartón duro e con papel de periódico e unha pasta de auga morna e mesturada con fariña. O máis probable é que en orixe este pucho tivese unhas características moito máis ortodoxas e cercanas ó que sería un gorro de cucurucho -como o dun capirote de Semana Santa- ben engalanado con fitas de cores, (...). Non se conserva memoria de cando se incorporaron as monecas ó pucho e todo parece indicar que a rivalidade entre lugares por confecciona-lo mellor pucho e presenta-lo mellor volante foi encirrando a ousadía das súas dimensións ó longo do tempo.
Digamos, por último, que os volantes da comarca de Chantada levan na man un simple caxato que, non sempre, vai engalanado tamén con fitas de cores.
Acostuman acompaña-los volantes outras figuras menos finas. Son os zarapastrosos peliqueiros ou maragatos, en número de un ou dous con cada volante. A súa misión é a de protexer a este e abrirlle paso na súa marcha e no seu baile. (...). Van vestidos con roupas vellas. Reciben o nome das peles ou pelicas que levan por riba da roupa. Levan un látigo ou un pau co que ameazan ás mulleres e corren ós nenos. Na cara gústalles lucir unha carauta grotesca.
Mesmo nestes últimos anos da década dos 80 se puideron contemplar algunhas representacións dos oficios, que tanto gustaron noutro tempo ás xentes das illadas aldeas galegas. a escenificación burlesca dos oficios non agrarios (médicos, zapateiros, barbeiros, curas...) era o único tipo de representación teatral ó que tiñan acceso as xentes do campo cando non existía ou non chegara a televisión. As escenificacións tiñan lugar no centro de cada vila. Unha das máis frecuentes era a dramatización dun sangrento parto, no que o neno ben podía ser un asustado gato que sae disparado da barriga da parturiente logo dunha cesárea de emerxencia." (Cocho, Federico. O Carnaval en Galicia)
Para ampliar información sobre o Entroido Ribeirao, no seguinte enlace podedes ler o artigo publicado na revista "CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga." do 2012
O ENTROIDO RIBEIRAO. SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA) (LUGO)
E tamén vos podedes facer co libro  do escritor, etnógrafo, editor e tradutor galego Emilio Araúxo, un gran investigador do entroido galego, publicado por AMASTRA-N-GALLAR "Se toda a vida dos vellos e dos por nacer. (O Entroido ribeirao)"