mércores, 28 de abril de 2021

O RESCATE DO ÚLTIMO BARCO DE DORNAS

    Na semana pasada o Ecomuseo de Arxeriz puxo en marcha un operativo para rescatar o derradeiro barco de dornas do que temos coñecemento; en ningún momento se nos pasou polo maxín que se puidese conservar un barco que se deu por desaparecido dos nosos ríos desde a construcción dos encoros do Sil e do Miño.

O BARCO DE DORNAS

    O barco de dornas é unha tipoloxía de embarcación moi peculiar que se foi esvaíndo e quedando os últimos exemplares entre Peares e Belesar, máis a zona da desembocadura do Sil. De feito éste navegou entre a zona de S. Cosmede e a desembocadura do río Cabe, entre Pantón e Noguera de Ramuín.

    Trátase dun tipo de embarcación cunha orixe ancestral, polivalente, universal e con especial adicación á pesca fluvial, servindo para outras labouras e servizos propios da ribeira e que por algunha razón foi quedando relegada á zona de encontro dos dous grandes ríos galegos .



    Recibe o nome de "barco de dornas" por estar feito con dúas toradas de castiñeiro, “dornos/dornas”, baleirados por dentro cunha aixola e machada que cumpren a función de flotadores da embarcación . No extremo máis alto de cada torada perfílase unha proa apuntada denominada “biqueira"; a parte de atrás  péchase cunha táboa, “ tempo”, sobre unha pequena prolongación aplanada do propio tronco que lle axuda á navegabilidade denominada “recabé”; a zona escavada no interior  é regular dun extremo a outro, a parte aberta  é estreita e alongada por todo o tronco ata dar a apariencia dunha canoa.


Nomenclatura das diferentes partes do barco de dornas segundo Xaquín Lorenzo "O Xocas"


As dúas toradas dispóñense en paralelo a 1 metro aproximadamente e xúnguense cuns traveseiros ben suxeitos por unhos “bios” de madeira que a modo de pasadores impiden que os traveseiros se movan e conformen un corpo coas dornas; un pau a modo de travesa cara a biqueira e outro na parte de atrás son a base estructural sobre a que se monta unha tarima de cangos de pino ou bidueiro, “o piso”, que se adaptan coa forma das dornas, máis alto na biqueira; nos laterais externos de cada dorno crávase un ferro, “o cambón”, que serve para meter o remo pola fura  central.  Os remos de castiñeiro miden 3´60 m. e descansan sobre unha peza de cortiza dentro do cambón.

As medidas do barco son de 3´20 m. de longo por 1´70 m de ancho, a biqueira ten 76 cm de alto e o recabé sobresae 14 cm.

O RESCATE

 Este achádego foi posible por que un  bo día de marzo, Agustín achegouse polo Ecomuseo e deixou recado ( logo de aconsellarse co seu amigo Manuel Gago ) de que no baixo dunha casa da Ribeira Sacra atopara algo que lle chamou poderosamente a atención, unha especie de canoas de madeira que aparentaban ser moi vellas. Sacoulle unhas fotos na penumbra do soto na que se deixaban entrever as dornas dun barco e anotou a localización do lugar: a última casa do lugar do aparcadeiro ferroviario de S. Estevo a carón da desembocadura do río Cabe no Sil,  concello de Pantón, en frente de A Barca en Sober. Á casa chégase pola  vía do tren logo de pasar os tres enormes silos que no seu día serviron para facer o formigón para os encoros cercanos.


O último barco de dornas rescatado polo Ecomuseo de Arxeriz


 A través de Diego, único veciño estable do lugar, patrón de catamarán reconvertido en taberneiro e fedatario do acontecer de S. Estevo puidemos dar con Isidro,  o dono do barco que xa tiña vendida a casa natal ao panadeiro de Millán en Sober. Diego conseguíu o teléfono de Isidro e logo de achegarnos varias veces polo lugar puidemos  comprobar que milagrosamente alí estaba varado en seco o último barco de dornas da Ribeira Sacra e de toda a rede fluvial, como un tesouro da nosa cultura material que servíu ao pai de Isidro para ir de pesca polo Sil a coller anguías, troitas e salmóns con galaritos, nasas e trasmaios, peixes que  metía na cavidade do tronco coa auga suficiente para que  se mantivesen vivos antes de descargalos en terra ou en pías para mantelos días.

 

O último barco de dornas rescatado polo Ecomuseo de Arxeriz


Segundo Isidro, o barco fíxose no ano 1.945 para sustituir ao anterior , xa moi desgastado, e navegou nas augas do Sil ata que no 1959 a presa de S. Pedro rematou por cegar a faciana natural do río e o barco pasou a ser gardado nos baixos da casa do seu propietario.

A día de hoxe, esta peza tan sobranceira da vida nos rios Sil e Miño está á espera de que se lle realice a restauración e consolidación  pertinente  para finalmente poder expoñela na sala da Cultura Fluvial do Ecomuseo de Arxeriz.

AGRADECEMENTOS

 Queremos agradecer a Agustín  a súa información da existencia do barco sen a cal non a teriamos atopado, a Manuel Gago o consello de confiar no Ecomuseo, a Celestino pola axuda nas pescudas previas e a primeira viaxe de comprobación, a Ana pola compaña noutra incursión,  a Paco e Pepe Troyas pola axuda para rescatalo, a Diego a colaboración para localizar ao dono e a Isidro a disposición de desfacerse en bon trato dun retallo da súa historia familiar e de toda a Ribeira Sacra e da cultura fluvial.


3 comentarios:

  1. Fermoso artigo, preciosa xoia única da Ribeira Sacra e gracias por atopala, coidala e conservala.

    ResponderEliminar
  2. Magnífica noticia. Muchas gracias a todos, especialmente a Agustín Ruzafa Almodóvar, que inició la aventura!

    ResponderEliminar
  3. Magnífica noticia. Muchas gracias a todos, especialmente a Agustín Ruzafa Almodóvar, que inició la aventura!

    ResponderEliminar