venres, 2 de setembro de 2016

O CASTRO DE ARXERIZ AMOSA UNHA DENSIDADE DE POBOACIÓN CADA VEZ MAIOR

O pasado día 22 de agosto comezou unha nova campaña de escavación no castro de Arxeriz (O Saviaño).
Nesta cuarta campaña, que previsiblemente rematará o día 30 de setembro, estanse xa a atopar novos achádegos que incrementan cosiderablemente o interese sobre este xacemento.
Tal como apuntou Xosé Antonio Quiroga Díaz - director do Ecomuseo de Arxeriz -: "Trátase sen dúbida dun asentamento moito máis importante do que parecía cando comezaron as escavacións, de modo que as expectativas son moi boas tanto para esta campaña como para as seguintes".

Noticia completa en La Voz de Galicia


sábado, 13 de agosto de 2016

A CUARTA CAMPAÑA ARQUEOLÓXICA BUSCARÁ NOVAS ESTRUCTURAS EN ARXERIZ


A fundación Xosé Soto de Fión xa ten ultimados os preparativos para a cuarta campaña de escavacións no castro de Arxeriz.
Esta nova tanda de prospeccións ten unha duración prevista de seis semanas e dará comezo o próximo día 22 de agosto.


























Noticia completa en La Voz de Galicia

venres, 12 de agosto de 2016

ARXERIZ, VIAXE NO TEMPO Ó MUNDO RURAL DOS SEÑORITOS

Arxeriz é un gran descoñecido. Nos folletos divulgativos e na súa web etiquétase como ecomuseo visitable. O seu núcleo central é un gran pazo do século XVII, con varias edificacións anexas, situado nunha finca de 35 hectáreas, na pequena parroquia de Fión, no concello de O Saviñao.


Noticia completa en El Correo Gallego

xoves, 7 de xullo de 2016

O RESCATE DA CUBA DE ARCOS DE MADEIRA

A CUBA DE ARCOS DE MADEIRA I ( Hª e Vida )


Un bo día Roi Fernández faloume dunha cuba con arcos de madeira que se estaba estragando nun prado preto de Chantada, tanto empeño puxo para evitar que se esnaquizase que acabou por animarse a tomar o primeiro contacto co dono para ver a posibilidade de rescatala da desfeita dun verán ó sol.

Coa información favorable sobre a dispoñibilidade de que a cuba (cunha capacidade de 2500 quilos de uva) fose para o Ecomuseo de Arxeriz, e sen perder máis tempo, esta semana fun falar con Antonio Arias Fernández de Camporramiro, o propietario, que ademais relatounos a historia de tan singular cuba.

Unha tarde de xuño de 1899 o avó de Antonio (co mesmo nome e apelidos có neto) casou con Dosinda Pérez da "Casa do Lago" en Santiago de Arriba, e sendo fillo de solteira recibiu do dono da "Casa Valladares" de Belesar (a casa rica do lugar) unha "dote" composta por un alambique, para que puidera gañar a vida, e a cuba dos arcos de madeira.

¡Canta información nos dá este feito sobre o artellamento da sociedade rural, do xeito de vivir, costumes, da sexualidade, da moralidade e da ética!

O avó contáballe que o seu avó (traballador ocasional dos Valladares) xa lle narraba que nesa fachendosa adega, atacada de grandes cubas, a de arcos era a máis cativa de todas elas prestando servizo para facer viño.

Este dato remonta a súa historia a finais do século XVIII.

O desgaste da madeira na boca, polo efecto corrosivo da cinza que "barraba" a entrada no proceso de fermentación, así o testemuña.


Deste xeito foi como a cuba acabou na "Casa do Ramiro" de Sequeiras, na parroquia chantadina de Camporramiro, a un quilómetro escaso en liña recta de Belesar, e así é como tamén esa casa acabou por ser a do alambiqueiro e zoqueiro (outro dos oficios de Antonio Arias) ata o seu pasamento fai uns anos.

  Uns meses atrás o neto rematou de facer reformas na adega para adaptarse ás novas esixencias que impón o mercado do viño onde toda unha historia, saber tecnolóxico popular e materiais naturais parecen non ter oco, pero o sentimento e raigame impediulle desfacela e, inconscientemente, deulle unha derradeira oportunidade deixándoa á súa sorte na coroa do prado a carón da súa vivenda, sen saber moi ben que facer con ela.

  Dende o Ecomuseo de Arxeriz consideramos que este obxecto de cultura material que reflicte o saber popular, a historia e vida de cinco xeracións de ribeiraos, non merecía esmorecer entre as herbas anónimas dun prado.

Decidimos o rescate da cuba de arcos de madeira, que neste intre xa forma parte dos fondos do Ecomuseo, e, tan pronto como se poda, procederase á súa restauración para que siga viva xunto á memoria das xentes que a fixeron, procuraron, moveron, limparon, encheron e baleiraron; xunto a quenes “liobas” e “tempos” de castiñeiro, gorecidas polos arcos de salgueiro e cerdeira brava, serviron tan eficientemente ó longo de séculos.

  A cuba non é un fetiche de vitrina para curiosos, é a testemuña dunhas xentes, dun pobo, do modo de produción e sociabilidade na ribeira do Miño.

Noutro capítulo, cando se restaure, falaremos dos seus materiais, de como se conseguían e aplicaban, dos arcos de madeira, dos nomes, partes, usos e funcións da cuba.

sábado, 30 de abril de 2016

RUNA, A XEFA DO ECOMUSEO DE ARXERIZ

Runa xa é famosa na Ribeira Sacra e arredores, fai uns días que lle adicaron un recuncho especial no xornal El Progreso.
"Unha cadela de raza mastín de dous anos e medio vixía polas noites o centro e durante o día recibe amablemente ós visitantes".
Noticia completa en 


sábado, 9 de abril de 2016

TRASMALLO OU TRAMALLO


Nas salas de "Cultura Fluvial" do Ecomuseo de Arxeriz, inauguradas no ano 2014, temos expostas varias artes de pesca tradicionais utilizadas nas ribeiras do río Miño e nalgúns dos seus afluentes.

Hoxe queremos presentarvos o "trasmallo" ou "tramallo" que temos exposto na primeira das salas, cubrindo a parte superior do muro.

Xosé Manuel Vázquez en "O legado dos ribeiraos" clasifícao como unha "rede de pano", o trasmallo de tres panos, xunto co trallo, o pardello ou varredeira de un pano e a chumbeira ou esparavel.


O trasmallo do Ecomuseo de Arxeriz ten 110 centímetros de alto e 24 metros de longo, procede da zona de San Vitorio (O Saviñao).
Está elaborado con tres redes superpostas, as exteriores son iguais e están colocadas en tensión, mentres que a do medio é de malla moito máis pequena e está folgada. Están unidas pola parte superior e pola inferior. Na parte superior ten colocados cortizos, para que se manteña a flote, e na inferior chumbos, pra afundir a rede.
Xaquín Lorenzo xa no-lo describiu en "O mar e os ríos"(1982): "Consta de tres panos colocados un sobor do outro, formando unha triple rede. (...) Leva na relinga superior, cortizada, cortizos, e na inferior, chumbeiro, pandulleiras de area."


Xaquín Lorenzo recollía que esta rede, especialmente utilizada na pesca de salmón e sábalo, era utilizada no mar dende embarcacións "largándose á deriva" ou, as de menor tamaño, nos ríos cruzando os mesmos e quedando amarrada a terra polos dous extremos (O mar e os ríos. 1982).
Por outra banda, X.R. Mariño Ferro e X.M. González Reboredo no seu "Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza" só recollen o seu uso no mar: "É unha rede axeitada para fondos pedregosos próximos á costa nos que habitan o salmonete, o ollomol, a faneca, o pinto, a maragota, a centola e o lumbrigante (...) Transpórtana en calquera tipo de barca pequena e déixana no mar, fixa por un cabo ou á deriva."



A técnica do tramallo consiste en que o peixe consegue atravesar a primeira das redes de malla ancha, tropeza coa rede intermedia de malla moito máis pequena e chega á terceira rede, tamén de malla ancha, que atravesa formando unha bolsa, ó tentar escapar, revólvese e el mesmo pecha a única saída, o lugar por onde entrou. A este proceso Xaquín Lorenzo noméao "enrufar": "Nela os peixes enrufan, é decir, métense nas bulsas ou rufos que fai a rede interior cando, ó ser empuxada polo peixe, entra nas mallas das redes exteriores. (O mar e os ríos. 1982)"













xoves, 17 de marzo de 2016

O ECOMUSEO DE ARXERIZ, O ÚNICO SOCIO DA ZONA DA FEDERACIÓN GALEGA POLA CULTURA MARÍTIMA E FLUVIAL

"A pasada fin de semana formalizou a entrada na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) a Fundación Xosé Soto de Fión, que rexenta no Saviñao o Ecomuseo de Arxeriz, onde se conservan importantes mostras da cultura tradicional relacionada coa navegación e a pesca."
(...)
"A entrada da fundación na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial -afirma Quiroga por outra parte- xustifícase polo intenso labor que realiza desde hai anos por conservar e difundir a cultura fluvial da Ribeira Sacra. O museo conta con exemplares de embarcacións de once tipos tradicionalmente utilizados non só nesta zona, senón tamén noutros tramos dos cursos alto e baixo do Miño. Algunhas destas barcas, feitas hai moitos anos, foron recuperadas e restauradas pola fundación, mentres que outras se fabricaron en tempos recentes de acordo cos modelos tradicionais. A isto súmase unha ampla colección de antigas artes de pesca, que na súa maior parte son pezas orixinais restauradas."

Noticia completa en:
La Voz de Galicia