venres, 15 de decembro de 2017

DECORACIÓNS MURAIS

Nas últimas semanas estamos a recibir numerosas novas sobre unha das áreas máis esquecidas da arquitectura popular de Galicia en xeral e da Ribeira Sacra en particular.
Dende o Ecomuseo de Arxeriz cremos que é algo moi positivo que se esté a poñer o foco de atención nunha tipoloxía de recebado específica e característica da metade sur da provincia de Lugo, o que agardamos que se traduza na súa valorización e posterior recuperación e conservación, ademais de que se converta na dignificación da tan esquecida e menosprezada arquitectura popular galega.

Arxeriz antes da restauración 
Manuel Caamaño Suárez (2006) define a arquitectura popular como toda intervención feita polo home sobre o medio natural co obxecto de modificalo para que, tendo en conta as súas demandas de carácter funcional, socioeconómico e cultural, se logren con esa modificación as mellores condicións para a vida humana" (CAAMAÑO, 2006).
Polo tanto, esta arquitectura tradicional deberíase considerar unha parte do mesmo, que define e conserva un lugar, unha sociedade e unha cultura concretas; razóns suficientes para o seu estudo e conservación.
A Fundación Xosé Soto de Fión, dende as súas orixes, traballa na recuperación deste patrimonio da cultura galega que se pode ver materializado no Ecomuseo de Arxeriz onde unha serie de intervencións, comezadas xa nos anos 90, deron como resultado a conservación dun importante conxunto arquitectónico e etnográfico: o pazo de Arxeriz e as súas construcións adxectivas.

Vista xeral do Ecomuseo de Arxeriz
No ano 1995 leváronse a cabo os traballos de restauración do edificio principal de Arxeriz no que aínda perduraban restos de cal nos muros.
Interior do pazo de Arxeriz (1995)
Debido ó mal estado do edificio procedeuse a retirar o piso e a cuberta e a limpar a fondo estes muros que posterioremente foron cubertos con morteiro de cal, utilizando o modelo máis sinxelo e abondoso na zona, trasladando ó interior do edificio un elemento común do exterior nestas construccións.
No interior do pazo, no cuarto grande da casa dos escudos, e no muro lateral do pendello anexo, localízase esa mostra desta tipoloxía de decoración.
 No 1996 realizáronse os encintados exteriores no pendello, seguindo a pegada que aínda se conservaba neste muro, cubrindo as xuntas e as pequenas pedras con morteiro caleado ó xeito da zona, simulando perpiaños de certa calidade ó cubrir as partes do muro e os cachotes con amplas bandas de cal.
Aínda que sen elementos decorativos de carácter específico, o encintado nas paredes de Arxeriz, seguindo a sinuosidade do aparello irregular, dalle unha viveza ós muros que poñen unha nota de luz nas escuras pedras colocadas con tanto esforzo.
 Xaquín Lorenzo en "A Casa" (1982) fálanos do "cintado" como "un elemento estético" que non "soamente tapa as xuntas senón que dá unha apariencia de mais regularidade ás pedras da parede, ó facer resalta-las unións das pezas, non sempre dacordo coa realidade, sinalando algunhas inexistentes e suprimindo outras que poderían quebra-la harmonía desexada". E pon de manifesto que "é un dos poucos elementos das vivendas que as xentes do noso campo empregan como decoración" (LORENZO, 1982, 13).
Esta só é unha das tipoloxías dos remates dos muros exteriores das construcións galegas, sobre todo das casas-vivenda.
Caamaño en "As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia" (2006) agrupa os acabados exteriores dos muros galegos en cinco tipoloxías diferentes: muros vistos (sen tratamento algún), encintados (resaltado das xuntas a base de bandas de recebo de barro caleado), recebado con barro e caleado (recebado con morteiro de barro e caleado ou pintado, de todo ou parte do muro), revestimentos varios (cunchas de vieira, lousas de xisto, tellas ou chapapote asfáltico) e revestimento ornamental (elementos puramente decorativos) (CAAMAÑO, 2006, 107).
Esta última tipoloxía é a que, dende fai un par de anos, están a recoller un grupo de persoas sensibilizadas coa conservación do patrimonio e que, a través das redes sociais, están a difundir nos grupos Red Ribeira Sacra e Lenzos de Terra e Cal .
Na actualidade a Axencia de Turismo de Galicia asinou co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra un "Convenio de Colaboración para o Estudo e Investigación dos Esgrafiados na Ribeira Sacra" que ten por obxecto a "documentación e investigación do legado do esgrafiado na Ribeira Sacra como elemento diferenciador que culmine cunha publicación para a súa posta en valor e que sirva de base técnica das actuacións materiais que se poidan realizar nun futuro". Ademais de comezar coa "recuperación dos encintados/esgrafiados máis senlleiros e/ou de maior valor patrimonial danados polo paso do tempo e polos axentes corrosivos".
Intervención convenio CT Ribeira Sacra e Axencia de Turismo de Galicia
(foto Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra)
O único estudo realizado ata o de agora é o de Lizancos Mora (1993): "Debuxo e ornamentación na arquitectura do sur da provincia de Lugo".
Neste artigo investiga o que el mesmo denomina como "decoracións tradicionais de feitura popular a base de debuxos ou pinturas realizadas en cal sobre os elementos da arquitectura tradicional" ou "decoracións murais", nos concellos de Monforte, Sober e a Pobra do Brollón; e no que tamén apunta que se conservan "nos concellos de Ferreira de Pantón, Carballedo, O Saviñao, Chantada, Taboada, Palas de Rei, Monterroso, Guntín de Pallares, Portomarín e Antas de Ulla (...) en certas zonas do norte da provincia de Ourense ribeiráns co Sil" e "en áreas do sur ourensán raianas con Portugal" (LIZANCOS, 1993).
Lizancos (1993) atopa tres tipos de sistemas de soporte empregados para gravar debuxos nas fachadas:
  1. Os pintados directamente sobre o muro.
  2. Os pintados sobre o encintado que cubre as xuntas do muro.
  3. Os pintados sobre unha capa de morteiro que cubre todo o muro.
Neste mesmo estudio presenta o tipo de material utilizado, sendo o maioritario o uso de morteiros de cal, barro ou cemento "Portland" de cor branca; aínda que tamén aparecen en negro, vermello, rosa e ocre. (LIZANCOS, 1993).
Deduce que puideron ser realizados mediante patróns ou guías de cartón ou trazados a compás e, ademais, recolle tres tipoloxías:
Restos de gran decoración na "Casa Grande"
de Galegos, San Vicente de Castillón
(Pantón)
  • Grandes decoracións: Decoracións de grandes dimensións que aparecen en vivendas, casas grandes, igrexas e construcións adxectivas varias, que presentan composicións abstractas e xeométricas (simulación de perpiaños ou cachotería, pingas, follas, buxainas e óvalos).
  • Motivos illados: Elementos individuais que aparecen en todo tipo de edificacións, excepto nas relixiosas, presentando motivos xeométricos, figuras animais, humanas, vexetais e diferentes obxectos e incluso letras.
  • Faixas e enmarques: Debuxos lineais que destacan determinadas partes das vivendas presentándose como faixas horizontais ou verticais lisas ou decoradas, grandes enmarques, enmarques de ocos, linteis...     
Atopámonos con gran dificultade para poder datar este tipo de manifestacións artísticas, podendo aseverar que o seu declive, coma o da arquitectura tradicional en xeral, comezou a partires dos anos 50 e 60 cando o proceso de abandono do rural botou a andar e que en pleno século XXI parece que aínda lle quedan folgos. Por iso mesmo é de vital importancia conservar o legado dos nosos devanceiros que resistiu os embates do tempo ata os nosos días.

Restos de decoracións murais en Arxeriz antes da súa restauración



mércores, 15 de novembro de 2017

OS CARACOCHOS

Imos falar dunha tipoloxía de cubetes que por estaren feitos dunha soa peza, un tronco de castiñeiro baleirado no seu interior, reciben o nome de caracochos. 
Foron moi utilizados ata a primeira metade do século XX na zona vitivinícola que coñecemos como Ribeira Sacra, atopándose en calquera tipo de adega desde as máis sinxelas e pobres ata as adegas de casas grandes.

Un caracocho é, literalmente, un tronco de árbore oco; fundamentalmente están feitos de troncos de castiñeiros pola combinación de  duración e facilidade de vaciado que ofrece esta madeira.

O proceso de elaboración é sinxelo: a árbore córtase en lúa vella e coa savia baixa (normalmente en xaneiro) co fin de aproveitar a súa madeira nalgún aspecto construtivo (vigas, táboas,mobiliario, cubas,etc); resérvase unha parte do tronco para facer un cubete, segundo as necesidades e posibilidades de cada quen, que serviría para gardar o viño.
Estes cubetes teñen, entre outras características, seren distintos uns de outros tanto en capacidade como en forma exterior xa que non hai dous troncos iguais; así, na colección do Ecomuseo temos caracochos que van desde os 40 cm ata 90 cm de diámetro e desde 55 ata 1,20 cm de alto.



Colección de caracochos do Ecomuseo de Arxeriz



Esta técnica construtiva hai que encartala dentro dunha economía de subsistencia onde cada unidade familiar traballaba arreo para a mantenza da mesma e a ser posible obter un pequeno excedente co que intercambiar produtos ou ben ter acceso a outros bens. Utilizábanse tódolos elementos naturais do entorno para dotar a esa unidade dos elementos básicas cos que desenvolver a vida cotiá.

Caracocho con arcos de ferro


O habitual era que un carpinteiro da zona fixese todo o proceso, desde o traballo de baleirar o tronco do castiñeiro ata ensamblar os tempos (a parte máis complexa). Para facer a peza seleccionábase unha parte do tronco cunhas características de certa uniformidade exterior e que estivese en bo estado, sen demasiadas feridas, nudos ou fendas e a partires de ahí iniciábase o proceso de baleirado comezando polas cabezas do tronco; as primeiras capas sácanse con cuñas de madeira e coa machada en forma de cuña e logo rematábase o baleirado con distintos tipos de aixolas ata deixar o  interior uniformemente oco e cun grosor de  entre 3 e 4 cm segundo a envergadura do cubete.






Logo está o proceso de pechar os extremos que reciben o mesmo nome que nos cubetes ou cubas de táboas, son os tempos: táboas feitas con un compás para teren un deseño e encaixe perfecto e que pechan as cabezas do caracocho formando un círculo e encaixando nun rebaixe, o garguelo, feito a 3 cm da boca do tronco (a táboa cunha parte semicircular denomínase rodo).


                             
Á esquerda e dereita diferentes vistas sobre un garguelo

Na metade da lonxitude do tronco abríase unha boca rectangular e o resto utilizábase de tapa; cun berbiquí facíase un buraco para colocar a canela por onde sacar o viño e que adoitaba estar feita de sabugueiro a modo de tapón con outro oco no centro que logo tapaba unha billa preferentemente feita de tronco de toxo e que era a que servía para abrir e pechar a saída do viño.

Boca dun caracocho


Boca con tapa



Canela

Ó caracocho xa rematado, póñenselle uns aros de ferro que axudan a evitar fendas no tronco e a amparar a estrutura, dous ou catro aros por tronco e o caracocho pasaba a ser un cubete que, segundo o tamaño servía para facer viño pero principalmente para gardalo logo da trasfega e ilo consumindo ao longo do ano.

Tamén hai caracochos feitos para dar acubillo a un enxamio de abellas e sacar unha colleita de mel; neste caso o procedemento para baleirar o tronco é similiar ó destinado para o viño, só que para esta función déixanse os extremos do tronco abertos; no interior colócanse  unhas varas en forma de cruz na parte central do tronco, axustándoas nun pequeno oco de asento, sobre elas vaise pousar o enxamio; o tronco ponse ergueito nun lugar ben orientado e cóbrese cunha lousa, deixando a entrada por unha fendidura na parte inferior.

Os caracochos deixaron de facerse a partir da segunda metade do s.XX e seguíronse usando ata os anos 70/80, momento no que se comezou a xeneralizar o uso de outro tipo de recipietes feitos de outros materiais, quedando arrinconados no olvido das vellas adegas ou sendo reutilizados para outros fins moi distintos. 
Hoxe é difícil atopalos e coa súa desaparición tamén se foi unha tecnoloxía tradicional e un modo de vida e producción que tiña no seu entorno boa parte das cousas que necesitaba para desenvolverse.

domingo, 29 de outubro de 2017

O CASTRO DE ARXERIZ ABERTO Ó PÚBLICO

Os traballos de consolidación dos restos exhumados no castro de Arxeriz durante esta V campaña de escavación xa deron por finalizados.
Os visitantes do Ecomuseo de Arxeriz poderán achegarse no horario de apertura ó público ata o xacemento para poder ver os avances levados a cabo durante estes dous meses.



Noitica completa en La Voz de Galicia

domingo, 22 de outubro de 2017

RESULTADOS DA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO CASTRO DE ARXERIZ 2017


A mediados do mes de agosto daba comezo a V campaña de escavación do castro de Arxeriz promovida pola Fundación Xosé Soto de Fión.
Este castro, do que a primeira referencia a atopamos en 1953 na obra “Los castros de la tierra del Saviñao” escrita por Cuevillas e Fraguas, presenta unha serie de características que o fan único ata o de agora.

O que se pretendía este ano era a ampliación do sector 5, cara o sur deste sector e cara o oeste, co fin de exhumar as dúas estruturas que na campaña anterior quedaran parcialmente descubertas e, á súa vez, abrir un novo sector que axudase a definir máis a ocupación na zona da croa.

AMPLIACIÓN DO SECTOR 5
En total estamos a falar dunha superficie total aproximada de 140 m2 e dun tempo de traballo de campo de 6 semanas.

PANORÁMICA AMPLIACIÓN SECTOR 5
SECTOR NOVO




Os resultados obtidos foron moi positivos xa que no sector 5 ademáis de exhumar de forma completa as estruturas parciais, apareceron dúas novas, e no novo sector suman un total de 3. 

PANORÁMICA DO SECTOR NOVO GRANEIRO
A maior parte delas correspóndense con un tipo de estruturas que non son nada habituais neste tipo de asentamentos, os graneiros, lugares de almacén con unha disposición moi específica: a colocación no chan de 9 bases de pedra sobre as que hipotéticamente se colocaría un entarimado de madeira para illar o gran da humidade, á vez que as paredes estarían recubertas dunha masa arxilosa que axudaba a conservar tamén a temperatura.
En todas as campañas que se realizaron (2013-2017) as estruturas que foron aparecendo correspóndense coa mesma tipoloxía: forma rectangular e/ou cadrada de esquinais curvos.

DETALLE PERFIL SECTOR 5
Os materiais atopados corréspondense sobretodo con cerámicas características deste tipo de asentamentos e que a penas presentan decoración; varias fusaiolas, algunha delas decoradas e outras reaproveitadas; un par de fíbulas de bronce; muíños de man e varios afiadores entre outras.


FUSAIOLA CON DECORACIÓN CASTRO DE ARXERIZ



Unha vez rematado o proceso de escavación comezouse outro proceso igualmente importante, a consolidación das estruturas que permite protexelas do paso do tempo; utilizouse para elo un morteiro que imita ao existente nos paramentos das construcións orixinais, tanto en composición como en cor e textura.

VISTA GRANEIRO AMPLIACIÓN SECTOR 5
A Fundación, a partir deste ano, tratará de afondar máis na investigación deste asentamento para poder aclarar o motivo desta especialización no cereal e para aportar máis datos sobre a cultura castrexa que permitan avanzar no coñecemento destes asentamentos da Idade do Ferro.



sábado, 7 de outubro de 2017

A FÍBULA DO CASTRO DE ARXERIZ


No Ecomuseo de Arxeriz temos á venda un recordo único: a réplica dunha das fíbulas atopadas no castro de Arxeriz, concretamente, na campaña realizada durante o ano 2015.
Esta peza foi realizada en bronce patinado e reflicte tódolos detalles da peza orixinal.
É unha fíbula do tipo transmontano, característica do período entre os séculos III ó I a.C.

Noticia de La Voz de Galicia

venres, 6 de outubro de 2017

ARXERIZ, UN CASTRO QUE PODE CAMBIAR A HISTORIA DA ROMANIZACIÓN

Durante esta semana estase a traballar na consolidación dos restos desenterrados durante esta V campaña de escavación.
Entre estas estruturas "destacan los vestigios de cuatro construcciones similares a otras cuatro que fueron exhumadas con anterioridad y que según todos los indicios se utilizaron como almacenes de grano. La abundancia de estos graneros supone un caso único en los castros gallegos y, según los responsables del museo, puede llevar a replantear las ideas actuales sobre la cultura castreña y los inicios de la romanización en Galicia".


 Noticia completa en La Voz de Galicia

venres, 28 de xullo de 2017

O PRIMEIRO ALBERGUE DE PEREGRINOS DA COMARCA DE LEMOS

A Fundación Xosé Soto de Fión vén de presentar nas oficinas municipais do concello de O Saviñao o proxecto para abrir un albergue no edificio que, no seu día, serviu de escola no lugar de Arxeriz, Fión; situado a uns centos de metros do Camiño de Inverno.


O proxecto contempla a adecuación do vello edificio para dotalo de 24 prazas mailos servizos correspondentes de comedor, cociña, sala, baños e lavandería. Na parcela acondicionarase unha zona axardinada con algunhas árbores máis que proporcionen sombra, ademais poderá seguir sendo utilizada como campo da festa da parroquia.
Consideramos que o paso do Camiño pola zona vai axudar a dinamizar socioeconómicamente os lugares polos que pasa, pero para que isto sexa unha realidade necesítanse unha serie de infraestruturas e condicións que doten ao Camiño de elementos propios que o fagan atractivo para os camiñantes. Cómpre unha boa sinalización, hai que subliñar que este aspecto é o que se atopa máis avanzado, non é así no caso do acondicionamento da ruta que se debería atopar en perfectas condicións; isto non se cumpre en varias zonas limítrofes entre os concellos de Pantón e O Saviñao.
En terceiro lugar consideramos que para que o Camiño acabe consolidándose como unha importante ruta de peregrinación a Compostela debe dispoñer de instalacións coma os albergues que lle permitan aos camiñantes realizar e planificar os seus desprazamentos con comodidade. Neste aspecto queremos contribuir a potenciar o Camiño de Inverno e situar a parroquia de Fión como punto de referencia nesta ruta, xerando unha dinámica socioeconómica no medio rural como un dos xeitos de crear emprego e frear o despoboamento da zona.

Máis información nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia