venres, 22 de xaneiro de 2016

O POMBAR OU POMBAL


"AVE DE PICO NON PON Ó DONO RICO"

O nome xenérico en Galicia é pombal, aínda que nalgunhas comarcas de Lugo e Ourense é chamado pombar.
É unha construcción maioritariamente rural da arquitectura tradicional galega.
Como ben di Xaquín Lorenzo "O Xocas" no seu libro "A Casa": "Escasos son os pombares na nosa casa rural, anque se atopan en troques de abondo nas casas grandes e nos pazos."
(Lorenzo, 1982, p.172).
O motivo non é outro que a pouca rendibilidade económica que proporcionan estas aves:
"(...) o principal producto que se obtén das pombas son os pombiños, que se collen cando están a piques de voar do niño ou, nalgúns lugares a penuxe como subproducto, (...)"
(Galicia, as construccións da arquitectura popular; Caamaño Suárez, 2006, p.392).
Por iso, aparecen sobre todo a carón de mosteiros, pazos, rectorais e casas grandes; e isto condicionou que fosen símbolo de estatus.

Nas casas labregas era máis común atopar pombeiros: "(...) refírese con frecuencia a unha pequena e sinxela construcción, moitas veces de madeira, que se sitúa na parte alta dunha casa, ou dun alpendre, ou dun hórreo, para albergar unhas poucas pombas."
(Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza; Mariño Ferro, X.R.; González Reboredo, X.M., 2010, p.363).




Atopámonos con diferentes tipoloxías de pombais, aínda que polo xeral "consiste nunha construción cilíndrica, rara vez poligonal, con cuberta cónica de tella.
Na parte alta leva un asoleirado que sobresae da parede e por riba del ábrense, todo derredor, unha chea de ventaniños pra entraren e saíren as pombas.
Na parte baixa ten unha porta prá xente, que se pecha cunha folla de madeira con respiradeiros prá ventilación. O pombar leva todo o seu exterior, menos o tellado, enlucido con auga e cal.
No interior ten as paredes ocupadas por nichos que as pedras deixan entre si, onde fan o niño as pombas.
Embaixo, no centro, atópase unha mesa de pedra pra lles botar grans durante o inverno, especialmente nas tempadas en que o rigor do clima non llelos deixa procurar fóra.
Tamén se ten dentro unha escada pra acada-los niños cando compre."
(Lorenzo, 1982, p.173).


Imaxes tomadas de "Galicia, as construccións da arquitectura popular" de Manuel Caamaño Suárez, onde podemos observar a variabilidade arquitectónica dos pombais.


"O investigador C. González Pérez fixo, hai anos, un catálogo de pombais de toda Galiza, atopando un total de 300, moitos deles en mal estado de conservación. Do total 217 tiñan a planta circular, 42 cuadrangular, 12 octogonal e, finalmente, outros 29 respondían a plantas diversas. En canto ao seu tamaño, varía moito duns a outros, adaptándose ás necesidades de cada propietario."
(Mariño Ferro, González Reboredo; 2010, p.363).


No Ecomuseo de Arxeriz temos unha catalogación do patrimonio etnográfico dos concellos de O Saviñao, Pantón, Chantada e Carballedo, na que recollemos as fichas dos seguintes pombais. 
Somos conscientes de que aínda non están todos recollidos, aínda así, a maioría presenta planta circular con teito cónico de tella ou lousa e muros de cachotería, na maioría dos casos encalados, ou de sillería. 

  • O Saviñao: 28
  • Pantón: 13
  • Carballedo: 2
  • Chantada: 16
Aínda que tamén atopamos excepcións:

Nas últimas décadas o esplendor dos pombais esvaeceuse e, na súa maioría quedaron abandonados. Contamos con bos exemplares que foron moi ben restaurados e están sendo utilizados para outros usos, algúns que aínda conservan o seu uso orixinal, e outros que están sendo colonizados pola natureza.


Estes pombais levan séculos entre nós, a primeira referencia que atopamos en Galicia data do século XIII, é un documento de aforo do mosteiro de San Pedro de Rocas. E a primeira representación gráfica aínda se conserva na biblioteca do mosteiro de El Escorial, na cantiga CLVIII de Alfonso X o Sabio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario