mércores, 15 de novembro de 2017

OS CARACOCHOS

Imos falar dunha tipoloxía de cubetes que por estaren feitos dunha soa peza, un tronco de castiñeiro baleirado no seu interior, reciben o nome de caracochos. 
Foron moi utilizados ata a primeira metade do século XX na zona vitivinícola que coñecemos como Ribeira Sacra, atopándose en calquera tipo de adega desde as máis sinxelas e pobres ata as adegas de casas grandes.

Un caracocho é, literalmente, un tronco de árbore oco; fundamentalmente están feitos de troncos de castiñeiros pola combinación de  duración e facilidade de vaciado que ofrece esta madeira.

O proceso de elaboración é sinxelo: a árbore córtase en lúa vella e coa savia baixa (normalmente en xaneiro) co fin de aproveitar a súa madeira nalgún aspecto construtivo (vigas, táboas,mobiliario, cubas,etc); resérvase unha parte do tronco para facer un cubete, segundo as necesidades e posibilidades de cada quen, que serviría para gardar o viño.
Estes cubetes teñen, entre outras características, seren distintos uns de outros tanto en capacidade como en forma exterior xa que non hai dous troncos iguais; así, na colección do Ecomuseo temos caracochos que van desde os 40 cm ata 90 cm de diámetro e desde 55 ata 1,20 cm de alto.



Colección de caracochos do Ecomuseo de Arxeriz



Esta técnica construtiva hai que encartala dentro dunha economía de subsistencia onde cada unidade familiar traballaba arreo para a mantenza da mesma e a ser posible obter un pequeno excedente co que intercambiar produtos ou ben ter acceso a outros bens. Utilizábanse tódolos elementos naturais do entorno para dotar a esa unidade dos elementos básicas cos que desenvolver a vida cotiá.

Caracocho con arcos de ferro


O habitual era que un carpinteiro da zona fixese todo o proceso, desde o traballo de baleirar o tronco do castiñeiro ata ensamblar os tempos (a parte máis complexa). Para facer a peza seleccionábase unha parte do tronco cunhas características de certa uniformidade exterior e que estivese en bo estado, sen demasiadas feridas, nudos ou fendas e a partires de ahí iniciábase o proceso de baleirado comezando polas cabezas do tronco; as primeiras capas sácanse con cuñas de madeira e coa machada en forma de cuña e logo rematábase o baleirado con distintos tipos de aixolas ata deixar o  interior uniformemente oco e cun grosor de  entre 3 e 4 cm segundo a envergadura do cubete.






Logo está o proceso de pechar os extremos que reciben o mesmo nome que nos cubetes ou cubas de táboas, son os tempos: táboas feitas con un compás para teren un deseño e encaixe perfecto e que pechan as cabezas do caracocho formando un círculo e encaixando nun rebaixe, o garguelo, feito a 3 cm da boca do tronco (a táboa cunha parte semicircular denomínase rodo).


                             
Á esquerda e dereita diferentes vistas sobre un garguelo

Na metade da lonxitude do tronco abríase unha boca rectangular e o resto utilizábase de tapa; cun berbiquí facíase un buraco para colocar a canela por onde sacar o viño e que adoitaba estar feita de sabugueiro a modo de tapón con outro oco no centro que logo tapaba unha billa preferentemente feita de tronco de toxo e que era a que servía para abrir e pechar a saída do viño.

Boca dun caracocho


Boca con tapa



Canela

Ó caracocho xa rematado, póñenselle uns aros de ferro que axudan a evitar fendas no tronco e a amparar a estrutura, dous ou catro aros por tronco e o caracocho pasaba a ser un cubete que, segundo o tamaño servía para facer viño pero principalmente para gardalo logo da trasfega e ilo consumindo ao longo do ano.

Tamén hai caracochos feitos para dar acubillo a un enxamio de abellas e sacar unha colleita de mel; neste caso o procedemento para baleirar o tronco é similiar ó destinado para o viño, só que para esta función déixanse os extremos do tronco abertos; no interior colócanse  unhas varas en forma de cruz na parte central do tronco, axustándoas nun pequeno oco de asento, sobre elas vaise pousar o enxamio; o tronco ponse ergueito nun lugar ben orientado e cóbrese cunha lousa, deixando a entrada por unha fendidura na parte inferior.

Os caracochos deixaron de facerse a partir da segunda metade do s.XX e seguíronse usando ata os anos 70/80, momento no que se comezou a xeneralizar o uso de outro tipo de recipietes feitos de outros materiais, quedando arrinconados no olvido das vellas adegas ou sendo reutilizados para outros fins moi distintos. 
Hoxe é difícil atopalos e coa súa desaparición tamén se foi unha tecnoloxía tradicional e un modo de vida e producción que tiña no seu entorno boa parte das cousas que necesitaba para desenvolverse.