venres, 21 de abril de 2017

O PAZO DO CABO DO MUNDO

"Situado na Ribeira Sacra, dentro da comarca de Terra de Lemos, ao sur da provincia de Lugo, o concello do Saviñao é pródigo en historia e en paisaxes naturais. Nesta fermosa xeografía álzase un pazo con moito que contar, pois mostra como se vivía antigamente nesta contorna do Miño. A nobre edificación está situada na parroquia de Fión, no lugar coñecido como O Cabo do Mundo."


"O proxecto iníciase ao principio dunha forma modesta en dúas salas, coa vocación de ir crecendo e facendo museo. a idea foi sempre integrar e combinar os espazos expositivos no interior dos edificios, coa contorna da leira, os xardíns, a horta, as construcións adxectivas, o castro e o bosque; por iso é polo que o propio nome de Ecomuseo xurda da combinación de etnografía, historia e natureza que se dá en Arxeriz."

Noticia completa no Faro de Vigo

xoves, 20 de abril de 2017

MAPA INTERACTIVO DO PATRIMONIO ROMÁNICO DA RIBEIRA SACRA

"A Fundación Xosé Soto de Fión, que xerencia o Ecomuseo de Arxeriz, en O Saviñao, ultima estos días un mapa interactivo no que aparecen reflexadas 72 igrexas románicas situadas tanto na Ribeira Sacra lucense coma na ourensá. Tras catro intensos meses de traballo, según sinalou o xerente da fundación, este proxecto divulgativo estará visible o día 5 de maio, data a partir da que poderá ser consultado a través de internet, na páxina web do museo."


Ler noticia en El Progreso

mércores, 12 de abril de 2017

SOMBRAS, ECOS, OLGAS


Logo dun longo e profundo traballo de rebusca polas corredoiras e calexas da memoria, de remexer en anaqueis e caixóns, unha parte das vivencias de Xosé de Arxeriz (Xosé Soto Rodríguez, Arxeriz 1938) acabaron nas case mil páxinas do libro "Sombras, Ecos, Olgas" que acaba de saír do prelo e que dan fe dunha vida dinámica e reflexiva que non só é testemuña de momentos e situacións clave da segunda metade do século XX, senón que en moitos deles tamén é actor, misturando a acción coa análise.

José Antonio Quiroga Díaz
Director do Ecomuseo de Arxeriz




"QUI LEGIT

(Artigo en La Voz de Galicia do venres 24 de marzo de 2017)

Son insólitas porque, neste tempo de urxencias para os lectores, non é frecuente publicar un libro memorialístico de case mil páxinas, magnitude que recorda ás Memorias de Churchill. Pero hai outros datos que fan o volume de Xosé Arxeriz un libro insólito, incluso no mesmo título, Sombras, ecos, olgas, onde, ante o terceiro substantivo, olgas, o propio autor sentiu a obriga de explicalo na primeira páxina ("pegueiras que un deixa na neve ó camiñar por ela"). Quizais algún lector considere insólito ou moi pouco frecuente o nome do autor, Xosé de Arxeriz, en realidade pseudónimo de Xosé Soto Rodríguez, nado no ano 1938 en Arxeriz, da parroquia de Fión, no concello de Saviñao. De feito, quen edita este grosísimo volume é a Fundación Xosé Soto de Fión. Nestas memorias, sempre ou case sempre de contido moi político, hai algunhas páxinas protagonizadas, mesmo no Xapón, por un gaiteiro: o propio Xosé Soto, que pertenceu, nos sesenta, ao Ballet de Luisillo. Os vellos amigos aínda lle chamamos Pepiño o da gaita.
Eu creo que estas memorias iniciounas o autor hai dez anos, en abril do 2007, a data na que lle escribe a primeira carta á profesora Ana Acuña, daquela mergullada na elaboración da súa interesantísima tese de doutoramento Facer literatura galega en Madrid. Como Xosé Soto estivo moi presente no grupo Brais Pinto, na UPG madrileña, nas clases de cultura galega do Club de Amigos de la Unesco, na cátedra do Ateneo dirixida por Celso Emilio Ferreiro..., escríbelle á dilixente doutoranda máis de trinta cartas, algunhas moi longas, nas que lle dá noticia circunstanciada de cantos, en Madrid, escribían e predicaban en galego e de cantos facían activismo cultural ou político no nome de Galicia: Ben-Cho-Shey, Bautista Álvarez, César Arias, Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Rafael Taibo, Carmiña Graña, Juan Soto, Ramón Lorenzo, Ramón e Mariví de Valenzuela... Hai mencións distintas, desde Enrique Tierno Galván, fundador do Partido Socialista Popular (un dos varios partidos nos que militou Xosé Soto) ata o xeneral franquista Constantino Lobo Montero, dirixente do Centro Galego de Madrid.
Ás veces a pluma memorialística de Xosé de Arxeriz viaxa polas Canarias, por Alemña ou por Arxentina, onde se beneficia da erudición de Ricardo Palmás e dos moitos saberes de Luís Seoane. Moitos nomes, moitos feitos... Unha fartura de datos e noticias!"

Xesús Alonso Montero
Presidente da Real Academia Galega