mércores, 26 de agosto de 2015

OS NOVOS TESOUROS DE ARXERIZ PODERÁNSE VISITAR MOI PRONTO

"Nesta nova intervención puxéronse ao descuberto os restos de dúas construcións que en opinión dos invetigadores poden ser depósitos de cereais. Na campaña do ao anterior xa se atopou outra estrutura similar. Estas tres edificacións conforman o conxunto de arquitectura agraria máis antigo que se identificou no noroeste ibérico."

Noticia completa en La Voz de Galicia





sábado, 15 de agosto de 2015

TURISTAS GALEGOS DESCOBREN A CULTURA FLUVIAL E A VIDA TRADICIONAL DA RIBEIRA SACRA NO ECOMUSEO DE ARXERIZ



"Un dos elementos importantes da construción tradicional das barcas é que non é un proceso industrial, é un proceso artesanal (...) Cada carpinteiro ten os seus moldes e os adapta ás peculiaridades da zona"

ARXERIZ, UN POBOADO CASTREXO DE RIBEIRA ÁS PORTAS DA INVASIÓN ROMANA


"A Fundación Xosé Soto de Fión está a piques de pechar a terceira campaña arqueolóxica que saca á luz o pequeno tesouro que representa o castro de Arxeriz"

AGASALLO MUSICAL NO ENCLAVE DE ARXERIZ A CARGO DE FRANCISCO ROMUALDO



"O equipo de Televinte visitou o Ecomuseo de Arxeriz pra dar conta do incremento das visitas turísticas este verán e do avance da terceira campaña arqueolóxica que está a descubrir un castro de características únicas"

OS SILOS DE CEREAL DE ARXERIZ, UN PATRIMONIO EXCEPCIONAL

Os achádegos no castro do Saviñao sorprenden aos especialistas.
O achádego de tres construcións que poderían ser celeiros de cereal no castro de Arxeriz é un descubrimento arqueolóxico dun carácter practicamente único en Galicia.


Noticia completa en La Voz de Galicia

xoves, 13 de agosto de 2015

ARXERIZ, A ARQUITECTURA AGRÍCOLA MÁIS ANTIGA DA RIBEIRA SACRA

As escavacións arqueolóxicas que leva actualmente a cabo a Fundación Xosé Soto de Fión no castro de Arxeriz, no Saviñao, puxeron ao descuberto novas estructuras construtivas que outorgan un carácter moi singular a este xacemento. Na campaña de escavacións do ano pasado desenterrouse na croa ou recinto central do asentamento unha construción que en opinión dos investigadores pode ser un depósito de cereais. Agora acábanse de descubrir outras dúas estruturas que presentan un aspecto moi similar e que se supón que cumpriron a mesma función. De confirmarse esta hipótese, trataríase do conxunto de arquitectura agrícola máis antigo achado ata agora no territorio da Ribeira Sacra.

Noticia completa La Voz de Galicia

ATOPADOS VASILLAS E IMPERDIBLES NAS ESCAVACIÓNS DO CASTRO DE ARXERIZ

O equipo de arqueólogos e outras persoas que colaboran nas escavacións sobre os restos do castro de Arxeriz, no Saviñao, concluiron estas labores con grandes resultados.
Despois de varias semanas de traballo foron recuperadas varias pezas de gran valor, coma unha fíbula de bronce tipo tramontano profusamente decorada e dúas máis sinxelas.


mércores, 12 de agosto de 2015

CAMPAÑA 2015


 A Fundación Xosé Soto de Fión puxo en marcha o 1 de xullo a terceira campaña de escavación do castro de Arxeriz para ampliar a zona escavada en campañas anteriores e abrir novas zonas.  A terceira campaña alongarase ata finais de agosto, está diríxida técnicamente pola empresa de arqueoloxía “ Terra Arqueos”. A Fundación dispón dun orzamento de 30.000 € para levar adiante as labores de escavación, consolidación e posta en valor.

Inicio da escavación na terraza W.
Na campaña participan un total de 8 peóns-auxiliares de escavación que son da bisbarra da Ribeira Sacra e 3 arqueólogos da empresa. Este ano espérase chegar aos 300 m2 de zona escavada que se sumarán aos 200 m2 existentes, para acabar xerando unha considerable zona rescatada, consolidada e posta en valor.

Terra W.  
O ouxetivo é mellorar o coñecemento sobre os xacementos da idade do ferro en xeral e, en particular, do de Arxeriz coa intención de divulgar as características, datos e coñecementos adquiridos na experiencia; consolidar as estructuras que permitan unha “musealización de sitio” e poñer en valor os achádegos que se vaian atopando coa finalidade de ter unha área temática para que o visitante poida apreciar as peculiaridades do poboamento castrexo.

Sondeo terraza w.
A intención da Fundación a través do Ecomuseo de Arxeriz é de dispor dunha sala explicativa sobre os distintos aspectos da cultura castrexa no interior do noroeste peninsular, complementada cunha “sala” ao ar libre que será o propio castro adaptado para as visitas, explicacións e o disfrute da paisaxe.
                                                
Marcado en amarelo a ampliación do sondeo da terraza W.

 Desde o inicio estase actuando fundamentalmente na terraza W. e na ladeira da croa da mesma orientación , onde ao final da campaña contamos que van  quedar ao descuberto suficientes estructuras para empezar a aclarar o entramado urbano do poboamento.

Zona de ampliación do sondeo leste da croa

 Así o sondeo da terraza W. supón unha ampliación do feito na campaña de 2014 , tanto polo N., como polo S. e E. ; este sondeo supón unha ampliación de 220 m2 sobre o efectuado o ano pasado co ánimo de liberar os muros de estructuras que quedaron parcialmente ao descuberto e descubrir outras novas. No lado leste da croa o sondeo supón incrementar en 80 m2 aprox. o realizado na campaña anterior e liberar a estructura do probable graneiro.

mércores, 5 de agosto de 2015

FÍBULA DO CASTRO DE ARXERIZ, campaña 2014


Fíbulas hai moitas, pero como a de Arxeriz… ningunha.

Entre os muros de dúas construccións recuperouse a fíbula.
Poderiamos teclear centos de palabras á hora de tratar o tema das fíbulas, xa que hai moitas e moi variadas; pero o obxecto desta entrada é tratar só a de Arxeriz xa que aínda que pode parecer unha máis o certo é que para nós non o é.

A fíbula tal como saíu da escavación
As fíbulas en xeral, e desde un punto de vista funcional, podemos definilas coma un obxecto metálico que ten como finalidade a de suxeitar as prendas de vestir. O seu tamaño dependerá da prenda á que se destina, e podemos engadir que quizáis reflicta os gustos do propietario.

A peza logo da restauración
 Hoxe en día non serve só para ter de exposición senón que se pode extraer dela información moi útil que nos axude a comprender mellor o noso pasado.

En primeiro termo o cono de remate do apéndice.
En particular a fíbula de Arxeriz é de pequeno tamaño e poderiamos encadrala dentro do tipo tramontano; conserva case tódolos seus elementos:
-       A ponte: presenta unha cresta e dous nervos laterais con motivo sogueado.
-       O apéndice:conta cun tallo de cinco molduras, a central con pequenas incisións na arista. Remata nun apéndice cónico invertido con decoración interior, un botón rodeado de pequenos pétalos e dous círculos concéntricos.
-       Resortes: o seu remate é un tamborciño con molduras e incisións no centro.




Como xa comentamos fíbulas hai moitas, pero ésta parécenos especial xa que é un dos agasallos que chegou a nós e  con él (e outros moitos) trataremos de abrir unha fiestra ao pasado que nos permita ver dende o Ecomuseo de Arxeriz  cómo era a cultura e as formas de vida dos nosos ancestros. Só coñecendo o noso pasado nos coñeceremos a nós mesmos.


sábado, 1 de agosto de 2015

CAMPAÑA 2014

A pesar dos escasos resultados obtidos na primeira campaña, desde o punto de vista da súa utilización como recurso visitable, decidiuse probar cunha segunda campaña con novos sondeos e así comenzou a campaña  2014 coa decisión de ampliar o sondeo nº 4 de 2013 e plantexar outros novos: un deles na parte leste da croa e outro na terraza W.

Sondeo leste
A campaña do 2014 foi moi distinta en moitos aspectos: o primeiro  foi atopar estructuras pétreas tanto no leste como na terraza oeste e en segundo lugar ademáis de ampliar o catálogo de achádegos obtivemos os primeiros restos metálicos, como algún cravo de ferro, un anel de bronce e dúas fíbulas do mesmo material. Os resultados obtidos foron os seguintes:

Sondeo terraza W.
-        A ampliación do sondeo nº 4 de 2013 acabou por completar as dúas vivendas (10m x 5m.) que na campaña anterior xa comezaban a amosar.

Panorámica do sondeos central da croa.
-        No sondeo do leste quedou ao descuberto nun 80% unha construcción que moi probablemente tivo como destiño o de servir como graneiro xa que carece de fogar,e presentaba poucos restos cerámicos no seu interior, ademáis conta coa  presencia de nove piares simetricamente colocados para soportar vigas ou paos sobre os que levantar un celeiro para gardar o gran. No exterior da construcción quedaron ao decuberto dúas pedras  fincadas no terreo e cunha altura de 50 cm  pero cunha finalidade ainda non clarificada.

Sondeo leste da croa, posible graneiro.
-        O sondeo da terraza W. sacou á luz unha importante estructura pétrea pertenecente a unha vivenda de grandes dimensións, outra moi próxima e un terceiro muro cortado  que parece dunha etapa anterior.

Panorámica dos dous sondeos da croa. 
En ningún caso apareceron restos que indiquen de forma clara a presencia romana no castro : tégulas, terra sigilata, moedas. . .do mesmo xeito que nada evidencia destrucción, combate ou incendio.
Ao finalizar a campaña estas estructuras parcialmente descubertas quedaron  consolidadas coa esperanza de ampliar a zona nunha futura campaña. 

Estructuras da terreza W. ao remate da campaña 2014