sábado, 30 de abril de 2016

RUNA, A XEFA DO ECOMUSEO DE ARXERIZ

Runa xa é famosa na Ribeira Sacra e arredores, fai uns días que lle adicaron un recuncho especial no xornal El Progreso.
"Unha cadela de raza mastín de dous anos e medio vixía polas noites o centro e durante o día recibe amablemente ós visitantes".
Noticia completa en 


sábado, 9 de abril de 2016

TRASMALLO OU TRAMALLO


Nas salas de "Cultura Fluvial" do Ecomuseo de Arxeriz, inauguradas no ano 2014, temos expostas varias artes de pesca tradicionais utilizadas nas ribeiras do río Miño e nalgúns dos seus afluentes.

Hoxe queremos presentarvos o "trasmallo" ou "tramallo" que temos exposto na primeira das salas, cubrindo a parte superior do muro.

Xosé Manuel Vázquez en "O legado dos ribeiraos" clasifícao como unha "rede de pano", o trasmallo de tres panos, xunto co trallo, o pardello ou varredeira de un pano e a chumbeira ou esparavel.


O trasmallo do Ecomuseo de Arxeriz ten 110 centímetros de alto e 24 metros de longo, procede da zona de San Vitorio (O Saviñao).
Está elaborado con tres redes superpostas, as exteriores son iguais e están colocadas en tensión, mentres que a do medio é de malla moito máis pequena e está folgada. Están unidas pola parte superior e pola inferior. Na parte superior ten colocados cortizos, para que se manteña a flote, e na inferior chumbos, pra afundir a rede.
Xaquín Lorenzo xa no-lo describiu en "O mar e os ríos"(1982): "Consta de tres panos colocados un sobor do outro, formando unha triple rede. (...) Leva na relinga superior, cortizada, cortizos, e na inferior, chumbeiro, pandulleiras de area."


Xaquín Lorenzo recollía que esta rede, especialmente utilizada na pesca de salmón e sábalo, era utilizada no mar dende embarcacións "largándose á deriva" ou, as de menor tamaño, nos ríos cruzando os mesmos e quedando amarrada a terra polos dous extremos (O mar e os ríos. 1982).
Por outra banda, X.R. Mariño Ferro e X.M. González Reboredo no seu "Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza" só recollen o seu uso no mar: "É unha rede axeitada para fondos pedregosos próximos á costa nos que habitan o salmonete, o ollomol, a faneca, o pinto, a maragota, a centola e o lumbrigante (...) Transpórtana en calquera tipo de barca pequena e déixana no mar, fixa por un cabo ou á deriva."



A técnica do tramallo consiste en que o peixe consegue atravesar a primeira das redes de malla ancha, tropeza coa rede intermedia de malla moito máis pequena e chega á terceira rede, tamén de malla ancha, que atravesa formando unha bolsa, ó tentar escapar, revólvese e el mesmo pecha a única saída, o lugar por onde entrou. A este proceso Xaquín Lorenzo noméao "enrufar": "Nela os peixes enrufan, é decir, métense nas bulsas ou rufos que fai a rede interior cando, ó ser empuxada polo peixe, entra nas mallas das redes exteriores. (O mar e os ríos. 1982)"