venres, 31 de xullo de 2015

CAMPAÑA 2013

Os traballos no castro de Arxeriz comezaron no ano 2013 e tiveron unha duración aproximada de un mes; podemos dicir que esta campaña tivo  carácter experimental en  canto a sondear as posibilidades que podía ofrecer o castro de cara á obtención de  información arqueolóxica e de cara a unha futura posta en valor como elemento  cardinal dentro do proxecto do Ecomuseo.




O primeiro a ter en conta despois de facer un estudio da zona foi establecer o lugar nos que se realizarían os sondeos polo que se decidiu abrir catro sondeos en diferentes puntos que permitiron non só a recuperación de restos senón tamén de estruturas e información importante.

Así pois realizouse un sondeo a 50 metros ao S. da croa, un segundo na terraza N. e dous na zona da croa, os resultados de xeito breve foron os seguintes:

-        No primeiro situado ao Sur obtivemos restos cerámicos de época castrexa e aínda que non apareceron restos de estructuras sí se documenta  un nivel de ocupación.



-        No sondeo da terraza N. hai unha importante presencia cerámica e outras
pezas de interés como algún bruñidor, ademáis no seu extremo E a presencia dun
derrube de material  fai presaxiar a cercanía dalgunha estructura.

-        Na  croa obtivemos:
*   sondeo nº 3, no mesmo borde sur, tampouco proporcionou estructuras petréas, pero si os restos dunha posible cabana ou  construcción feita con barro, materia vexetal e cascallo de rocha  probablemente pertenecente á primeira etapa de poboamento que se pode  situar no Ferro I ( entorno ao s. V antes da nosa era), tamén foron abundantes os restos de cerámica.


*   Só o sondeo nº4 amosou a presencia de muros de vivendas con fogares e con
abundante cerámica e outros achádegos de interese como muíños, algo que sorprendeu debido á escasa potencia arqueolóxica deste sondeo (40 cm. de media). Quedaron así, parcialmente ao descuberto, dúas vivendas de planta
rectangular e esquinais curvos con fogares en ámbolos dous casos.


A pesar de todo, cando rematou a campaña, as dúbidas sobre a  viabilidade do proxecto de escavación e posta en valor do castro seguían vixentes.


mércores, 29 de xullo de 2015

O CASTRO DE ARXERIZ CONTINÚA REVELANDO OS SEUS SEGREDOS


"No xacemento do Saviñao aparecen máis elementos de interese arqueolóxico"



Dende fai vinte días está a levarse a cabo a terceira campaña de escavacións arqueolóxicas no castro de Arxeriz, no concello do Saviñao, dentro dun proxecto promovido e financiado pola Fundación Xosé Soto de Fión.






Noticia completa en La Voz de Galicia

ACHAN EN ARXERIZ PEZAS DE BRONCE DE ÉPOCA CASTREXA



Empezan a saír á luz restos de cinco casas e de cerámica negra sen decorar.
A terceira campaña de escavacións arqueolóxicas iniciadas hai 20 días no castro de Arxeriz, no Saviñao, sacou á luz numerosas pezas realizadas en bronce.





Noticia completa en El Progreso

domingo, 26 de xullo de 2015

O CASTRO DE ARXERIZ

A croa do castro de Arxeriz érguese a 604m de altitude sobre un espolón de xisto con pequenas intrusións de graníticas; ten unha extensión de 6000m2, 107m de N a S e 70 de E a W, que forman parte da área limitada polos antecastros e foxos. A zona considerada de ocupación castrexa ten, aproximadamente, 4Ha.

Situado a 40º33´39´´latitude norte e 7º40´07´´lonxitude oeste, domina o meandro do río Miño que lle da forma ao Cabo do Mundo e forma parte dun grupo de castros que amparan e controlan o cauce nesta zona: Cabreiros, Mourelos, Nogueira, Arxeriz, Vilar de Ortelle, Amboade, Marce,...


A realidade xeolóxica sobre a que se asenta a croa dálle unha característica singular sobre os castros da zona e propicia uns fortes condicionantes sobre o desenvolvemento do poboado e a posterior conservación dos seus restos. O afloramento de xisto impide o poboamento nalgunha zona e, noutras, obriga a edificar sobre a ladeira propiciando a particularidade urbana que comeza a amosar: o aterrazamento do asentamento. A pendente, por outra banda, xoga como elemento negativo por facilitar a erosión e o arrasamento de estructuras.


O castro vai permanecer abandonado, como outros moitos, durante séculos; coa circunstancia de que a súa disposición litolóxica non propiciou o cultivo, o que o salvou das agresións propias da agricultura. Xa entrado o século XX, non puido librarse do desenrolismo que provocou o arrase da pedra e estructuras que perviviron ao longo do tempo e que, definitivamente, serviron de recheo para a estrada de Fión a Diomondi a mediados do século pasado. A finais de século sufriu a navallada da insensibilidade patrimonial que motivou a desaparición de 40 m de frente no talude N e uns 300 m2, para "librar" unha casa colindante.


Este poboamento recibiu a primeira atención coa visita e presenza de A. Fraguas e F. Cuevillas a finais dos anos 20 do pasado século que, convidados por Juan López Suárez, estiveron pola zona, o que producíu o primeiro estudo sobre os castros do lugar, na súa publicación "Os castros na terra de O Saviñao"; mesmo recolleron algunhas pezas pétreas que se gardaron ata hoxe en Arxeriz.


En 1996 constitúese a Fundación Xosé Soto de Fión que pon en marcha un proxecto cultural, patrimonial e paisaxístico, concretizado no Ecomuseo de Arxeriz. A presenza do castro dentro das instalacións do Ecomuseo provoca que, desde o inicio da andaina museística, se pensase en facer escavacións para así, rescatar unha parte do pasado, consolidalo e poñelo en valor como un elemento fundamental no proxecto de transformar Arxeriz nun referente de sensibilidade, rescate, restauro, potenciación, estudo e divulgación do patrimonio en tódalas súas vertentes: valorizando o pasado, gañando en autoestima e propiciando a utilización destes recursos coma unha fortaleza do territorio.



xoves, 23 de xullo de 2015

DESENTERRAN OS RESTOS DE CINCO EDIFICIOS NO CASTRO DE ARXERIZ


A Fundación Xosé Soto de Fión iniciou o pasado día 7 a terceira campaña de escavacións arqueolóxicas no castro de Arxeriz, no municipio do Saviñao, o único proxecto privado deste tipo que se desenvolve no sur lucense. Nas dúas semanas transcorridas desde entón púidose pór ao descuberto novos restos de construcións e numerosas pezas arqueolóxicas que engrosarán as coleccións do Ecomuseo de Arxeriz, xestionado por esta mesma entidade e situado nas inmediacións do castro.