xoves, 20 de outubro de 2016

CASTRO DE ARXERIZ:RESUMO 2016


Panorámica do Castro de Arxeriz,2016


O Ecomuseo de Arxeriz dá por finalizados os traballos de consolidación realizados no castro de Arxeriz, e polo tanto tamén a campaña do ano 2016.
Durante estes catro últimos anos leváronse a cabo diferentes campañas arqueolóxicas co fin de sacar á luz os vestixios dunha época e dun modo de vida que quedou soterrado co paso dos séculos.
Nesta campaña,coma nas que se levaron a cabo nos anos seguintes á primeira, ampliáronse aquelas zonas nas que quedaran restos parcialmente descubertos en traballos anteriores para conseguir que toda a estructura quedase á vista e ademáis aportase información para lograr entender un pouco máis a forma de vida destes castrexos.





















  Estrutura parcialmente descuberta:2015                                                  Estrutura anterior descuberta totalmente; 2016                                                          


Os resultados obtidos este ano amosaron, en canto a estructuras se refire, non só a presencia de máis graneiros, algo que caracteriza especialmente ao Castro de Arxeriz facéndoo único, senón tamén outras estructuras das que aínda non se obtivo unha clara funcionalidade, así como tamén de espacios abertos e zonas de paso.

Traballos na ladeira W.2016


Estas estruturas, de formas cadradas ou rectangulares e con esquinais redondeados, sitúanse non só na croa do castro senón que tamén se dispoñen de forma aterrazada na ladeira Oeste; para construir neste lugar, os castrexos tiveron que preparar a zona picando previamente na rocha natural para conseguir formar esas terrazas.

Detalle de dous graneiros na ladeira W do castro de Arxeriz.2016


Realizouse tamén unha catas ó longo da ladeira oeste co obxetivo principal de localizar novas estruturas; os resultados obtidos nesta nova localización non foron tan produtivas como outras realizadas anteriormente pero sí aportaron información importante á hora de interpretar este tipo de asentamento aterrazado.


                                                Cata,ladeira W.2016

A  nivel de materiais obtivéronse numerosos fragmentos de cerámica tipo miñoto, sen decoración, muíños de man, restos de fíbulas e alguna conta de colar, entre outros.A falta de materiais claramente romanos como a cerámica sixilata ou tégulas dá lugar a pensar que o castro de Arxeriz non tivo ocupación romana, o cal non quere decir que non houbera algún contacto con eles. De feito, unha das hipóteses que os investigadores está a barallar é que o feito de que os restos materiais,aínda que son abondosos, non sexan tan abundantes ou definitorios coma noutros asentamentos e a ausencia total de zonas de queimado, indicadoras de arrasamentos e incendios, parece que indican un abandono progresivo deste asentamento e non unha fuxida como ocorreu noutros lugares.


Despois de catro campañas de escavación e recuperación de restos, a Fundación Xosé Soto de Fión pretende seguir coa súa labor de recuperación que completará con labores de divulgación, investigación e publicación durante o resto do  ano realizando conferencias e outra activides relacionadas tanto co ámbito arqueolóxico como tamén patrimonial. O fin último é o de achegar o patrimonio á sociedade, sensibilizala e que non sinta como alleo o que é propio.

sábado, 8 de outubro de 2016

O BARCO DE DORNAS

O Ecomuseo de Arxeriz leva anos recuperando, restaurando, investigando e divulgando as tipoloxías e usos das embarcacións tradicionais que cruzaban o río Miño.

Froito dese traballo, no ano 2006, publicouse este caderno que agora compartimos convosco, onde se recolle un artigo de Xaquín Lorenzo sobre o barco de dornas. Nesta publicación poden verse as fases de construción dunha dorna que elaborou o carpinteiro de Soutomango (S. Martiño de A Cova - O Saviñao) Roberto Expósito, este barco estivo durante algo máis dun ano nas augas do río Miño, na ribeira de Belesar, onde algúns veciños e amigos disfrutaron da súa boa navegabilidade ata que dous sucesos de desprendemento da cadea e posterior deriva augas abaixo, e consecuentes búsquedas e trastornos, aconselláronnos resgardalo nas dependencias de Arxeriz.

Caderno "O barco de dornas"

Na actualidade, o barco de dornas está dentro da sala de Cultura Fluvial formando parte da colección de embarcacións fluviais do río Miño que representan as tipoloxías básicas dende a cabeceira ata a súa desembocadura. Estas embarcacións foron rescatadas ó longo de todo o río, na meirande parte dos casos foron doadas polos seus donos e, noutros casos, mercadas para evitar a súa desaparición nun proceso de búsqueda de moitos anos, completada con entrevistas a barqueiros, carpinteiros e usuarios das barcas.




O ano pasado, para contribuir á difusión e coñecemento das embarcacións tradicionais do Miño, o Ecomuseo de Arxeriz participou no XII Encontro de Embarcacións Tradicionais celebrado en Cabo de Cruz (Boiro) e organizado por Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial); federación á que pertence a Fundación Xosé Soto de Fión-Ecomuseo de Arxeriz.