Nas salas de "Cultura Fluvial" do Ecomuseo de Arxeriz, inauguradas no ano 2014, temos expostas varias artes de pesca tradicionais utilizadas nas ribeiras do río Miño e nalgúns dos seus afluentes.
Hoxe queremos presentarvos o "trasmallo" ou "tramallo" que temos exposto na primeira das salas, cubrindo a parte superior do muro.
Xosé Manuel Vázquez en "O legado dos ribeiraos" clasifícao como unha "rede de pano", o trasmallo de tres panos, xunto co trallo, o pardello ou varredeira de un pano e a chumbeira ou esparavel.
O trasmallo do Ecomuseo de Arxeriz ten 110 centímetros de alto e 24 metros de longo, procede da zona de San Vitorio (O Saviñao).
Está elaborado con tres redes superpostas, as exteriores son iguais e están colocadas en tensión, mentres que a do medio é de malla moito máis pequena e está folgada. Están unidas pola parte superior e pola inferior. Na parte superior ten colocados cortizos, para que se manteña a flote, e na inferior chumbos, pra afundir a rede.
Xaquín Lorenzo xa no-lo describiu en "O mar e os ríos"(1982): "Consta de tres panos colocados un sobor do outro, formando unha triple rede. (...) Leva na relinga superior, cortizada, cortizos, e na inferior, chumbeiro, pandulleiras de area."
Xaquín Lorenzo recollía que esta rede, especialmente utilizada na pesca de salmón e sábalo, era utilizada no mar dende embarcacións "largándose á deriva" ou, as de menor tamaño, nos ríos cruzando os mesmos e quedando amarrada a terra polos dous extremos (O mar e os ríos. 1982).
Por outra banda, X.R. Mariño Ferro e X.M. González Reboredo no seu "Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza" só recollen o seu uso no mar: "É unha rede axeitada para fondos pedregosos próximos á costa nos que habitan o salmonete, o ollomol, a faneca, o pinto, a maragota, a centola e o lumbrigante (...) Transpórtana en calquera tipo de barca pequena e déixana no mar, fixa por un cabo ou á deriva."
A técnica do tramallo consiste en que o peixe consegue atravesar a primeira das redes de malla ancha, tropeza coa rede intermedia de malla moito máis pequena e chega á terceira rede, tamén de malla ancha, que atravesa formando unha bolsa, ó tentar escapar, revólvese e el mesmo pecha a única saída, o lugar por onde entrou. A este proceso Xaquín Lorenzo noméao "enrufar": "Nela os peixes enrufan, é decir, métense nas bulsas ou rufos que fai a rede interior cando, ó ser empuxada polo peixe, entra nas mallas das redes exteriores. (O mar e os ríos. 1982)"
Ningún comentario:
Publicar un comentario