A CUBA DE ARCOS DE MADEIRA I ( Hª e Vida )
Un bo día Roi Fernández faloume dunha cuba con arcos de madeira que se estaba estragando nun prado preto de Chantada, tanto empeño puxo para evitar que se esnaquizase que acabou por animarse a tomar o primeiro contacto co dono para ver a posibilidade de rescatala da desfeita dun verán ó sol.
Coa información favorable sobre a dispoñibilidade de que a cuba (cunha capacidade de 2500 quilos de uva) fose para o Ecomuseo de Arxeriz, e sen perder máis tempo, esta semana fun falar con Antonio Arias Fernández de Camporramiro, o propietario, que ademais relatounos a historia de tan singular cuba.
Unha tarde de xuño de 1899 o avó de Antonio (co mesmo nome e apelidos có neto) casou con Dosinda Pérez da "Casa do Lago" en Santiago de Arriba, e sendo fillo de solteira recibiu do dono da "Casa Valladares" de Belesar (a casa rica do lugar) unha "dote" composta por un alambique, para que puidera gañar a vida, e a cuba dos arcos de madeira.
¡Canta información nos dá este feito sobre o artellamento da sociedade rural, do xeito de vivir, costumes, da sexualidade, da moralidade e da ética!
O avó contáballe que o seu avó (traballador ocasional dos Valladares) xa lle narraba que nesa fachendosa adega, atacada de grandes cubas, a de arcos era a máis cativa de todas elas prestando servizo para facer viño.
Este dato remonta a súa historia a finais do século XVIII.
O desgaste da madeira na boca, polo efecto corrosivo da cinza que "barraba" a entrada no proceso de fermentación, así o testemuña.
Deste xeito foi como a cuba acabou na "Casa do Ramiro" de Sequeiras, na parroquia chantadina de Camporramiro, a un quilómetro escaso en liña recta de Belesar, e así é como tamén esa casa acabou por ser a do alambiqueiro e zoqueiro (outro dos oficios de Antonio Arias) ata o seu pasamento fai uns anos.
Uns meses atrás o neto rematou de facer reformas na adega para adaptarse ás novas esixencias que impón o mercado do viño onde toda unha historia, saber tecnolóxico popular e materiais naturais parecen non ter oco, pero o sentimento e raigame impediulle desfacela e, inconscientemente, deulle unha derradeira oportunidade deixándoa á súa sorte na coroa do prado a carón da súa vivenda, sen saber moi ben que facer con ela.
Dende o Ecomuseo de Arxeriz consideramos que este obxecto de cultura material que reflicte o saber popular, a historia e vida de cinco xeracións de ribeiraos, non merecía esmorecer entre as herbas anónimas dun prado.
Decidimos o rescate da cuba de arcos de madeira, que neste intre xa forma parte dos fondos do Ecomuseo, e, tan pronto como se poda, procederase á súa restauración para que siga viva xunto á memoria das xentes que a fixeron, procuraron, moveron, limparon, encheron e baleiraron; xunto a quenes “liobas” e “tempos” de castiñeiro, gorecidas polos arcos de salgueiro e cerdeira brava, serviron tan eficientemente ó longo de séculos.
A cuba non é un fetiche de vitrina para curiosos, é a testemuña dunhas xentes, dun pobo, do modo de produción e sociabilidade na ribeira do Miño.
Noutro capítulo, cando se restaure, falaremos dos seus materiais, de como se conseguían e aplicaban, dos arcos de madeira, dos nomes, partes, usos e funcións da cuba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario