sábado, 17 de febreiro de 2018

A TÉCNICA DE FLOTACIÓN NO CASTRO DE ARXERIZ

Cando se está a levar a cabo un proceso de escavación téndese a pensar que os únicos materiais que se recollen son aqueles que aparecen de xeito ben recoñecible como anacos de cerámica, líticos, metais, etc; pero hai outros materiais como as sementes, os carbóns ou restos de madeira, que aportan moita información e que para recollelos é preciso utilizar unha técnica algo diferente.
Neste caso imos falar da técnica de flotación: que é, en qué consiste ou cal é o seu cometido.

Primeiro de nada temos que saber que os restos de plantas carbonizados como sementes, madeira, etc. se  poden conservar miles de anos e, aínda que se consideran “artefactos macrobotánicos” (visibles a simple vista), para recollelos requírese da aplicación de técnicas adicionais como a FLOTACIÓN, utilizada polos arqueólogos no campo.

     A flotación, basicamente, procura separar a matriz de solo dos restos de plantas que flotan na superficie; é decir, separa a terra daqueles outros materiais que non o son, tal como as sementes, e  esto é posible porque os sedimentos en sí non flotan, caso contrario aos restos de plantas carbonizados que quedan suspendidas na superficie, xa que son menos densos.
 Esta simple e eficaz técnica permite aos arqueólogos recuperar certos restos que aportarán unha perspectiva distinta, por exemplo, sobre a dieta ou o uso de plantas en xeral nas antigas sociedades.


Flotación manual

Unha das técnicas máis básicas de flotación é a manual: os sedimentos ou restos de solo son colocados nunha cubeta á que se lle engade agua, arremolinando o seu contido, logo vértese con coidado nun tamiz, no cal  se capturan as partículas máis lixeiras, mentras os restos máis pesados quedarán na cubeta.

Esta técnica soe ser económica e fácil de instalar pero pode levar moito tempo e  man de obra intensiva, polo que non se recomenda no procesamento de sedimentos que presentan mostras moi grandes.



Máquinas de flotación

Outra das técnicas é mediante o uso de Máquinas de Flotación , máquina que foi usada para os sedimentos do castro de Arxeriz. Funcionan como un sistema de criba integral que permite recuperar todo o material arqueolóxico e bioarqueolóxico de pequeno tamaño. A auga pode obterse da rede ou mediante bombeo, por exemplo dun río; se é escasa  pódese reutilizar ao longo dunha xornada de traballo mediante un sistema cerrado. 
A malla interior onde se lava o sedimento soe ser de 1 mm aínda que se aconsella mellor de 0,5 mm; a malla exterior onde se recolle a fracción que flota debe ser preferentemente de 0,25 mm.

É importante revisar os residuos da flotación (a fracción que non flota e que queda lavada no interior da máquina) xa que nela quedan materiais arqueolóxicos diversos (restos líticos e cerámicos en xeral, microfauna, carbóns que non flotaron, etc). Para elo é habitual secalo e cribalo en varias fraccións utilizando unha torre de cribas de varios tamaños.




   Despois de flotar o solo, extráense dous tipos de mostras:
- A fracción pesada composta de rochas, ósos e outros materiais máis pesados​​.
- A fracción lixeira composta de restos lixeiros de plantas, tales como madeira e sementes, así como ósos pequenos. 
As mostras colócanse á sombra para secar e unha vez secas son enviadas a un laboratorio para a súa análise.

¿Qué podemos atopar?

Os materiais que podemos atopar son por exemplo madeiras carbonizadas que aportan información sobre o tipo de madeira usada, preferencias, etc. restos carpolóxicos (sementes, grans de plantas cultivadas) que ofrecen información sobre a agricultura no pasado; sementes de plantas silvestres que proporcionan datos sobre a recolección e sobre as malas herbas e, indirectamente, sobre o procesado dos cereais e as prácticas agrarias; elementos da palla do cereal; froitos enteiros ou partes deles como belotas, raíces, talos, fragmentos de follas, flores, ... 




Este tipo de traballos son moi importantes porque permiten recoller certo tipo de materiais que, unha vez estudiados no laboratorio, aportarán unha grande información sobre moitos dos aspectos da sociedade á que pertenzan.

No castro de Arxeriz lévaronse a cabo estes traballos, utilizando a máquina de flotación arriba exposta, coas mostras de materiais que os arqueólogos foron recollendo durante as distintas campañas de excavación.
Teremos que agardar para ver os resultados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario