Antes da malla, a seitura
Cando o cereal está no punto
correcto é o momento de facer a seitura con fouciñas, as presas cortadas vanse
amoreando ata formar un monllo que se ata cunha correa feita da mesma palla;ao rematar a sega dunha leira póñense os mollos nun medeiro deixándoos así
algún tempo para que vaian secando e cóbrense con silvas e herba para que
os paxaros non coman os grans; logo duns días cárganse en carros e lévanse á
eira onde se facían as medas.
En agosto, a malla
Durante o mes de agosto tiña lugar
a malla e consistía en separar a semente da palla co fin de preparar o gran
para almacenalo e usalo máis adiante no tempo.
O que ten eira malla na eira propia
pero o habitual é que se faga na eira comunal, chámase ós veciños, homes,
mulleres e nenos, xa que para todos hai traballo e particípase axudando uns
veciños aos outros constituindo un exemplo de colaboración veciñal.
Chegado o momento de mallar
desatábanse os monllos que formaban a meda e íanse estendendo na eira, en
fiadas paralelas coas espigas colocadas sobre a palla da fiada anterior, de tal
xeito que queden sempre á vista; iso é estrar, e a palla estendida chamábase
eirada ou barda. Todo esto faise cedo para que o sol quente ben a mes antes de
que cheguen os malladores, cara a media mañá.

Rematada a malla vaise collendo a
palla xa sin gran-colmo-sacudíndoa contra as pernas e colocando os mangados
sobre un vincallo de colmo mollado atados polas puntas e retorcidos; cando se
xunta unha certa cantidade de colmo átase co vincallo facendo un colmeiro.
Cando se quitou toda a palla os
homes deixan lugar ás mulleres que entran con vasoiras de xesta para quitar os
lixos que haxa por riba e despois xuntan o gran con angazos;logo de xunto todo
o gran bótase nunha sábana fóra da eira e ésta bárrese ben para colocar a
seguinte airada e, mentras, os rapaces van levando os colmeiros para o palleiro
e os homes toman un anaco de pan con touciño e beben viño ou augardente para
logo botar outra eirada.

Cando remataba a malla faciase unha
comida máis ou menos festiva dependendo da duración do traballo e dos costumes
locais: o cocido, o carneiro guisado…acompañado das broas de pan de millo ou
centeo e as xerras de viño tinto para ao remate xogar algunha partida ás cartas
.
Andando o tempo entran no campo
galego as malladoras e aventadoras,
a comezos do s.XX, sendo manuais as primeiras para pasaren logo a ser de motor;
pouco a pouco a medida que avanza o
século a malladora e aventadora van sustituindo ós mallos, a mediados dos
anos 30 a maioría xa malla con
máquinas a motor de gasolina, ben de seu, ben mercadas entre varios veciños ou por algúns que van polos lugares
ofrecendo a súa maquinaría; manténdose a forma tradicional en zonas illadas
de montaña, nas casas de poucos recursos e nas de escasa producción cerealeira.
Como di Xaquín Lorenzo en “A Terra”:”...certo é que as máquinas alivian ó
traballador do campo mais non hai dúbida de que tamén o desvencellan da terra ó
face-las angueiras máis impersoais.”
EIRA: unha superficie de pedra de
granito, lousas, cemento ou terra que se lastraba con bosta fresca, que ao
secar se poñía dura de xeito que impedía que os grans se entuasen. Para limpar
a eira usábanse as vasoiras de xesta ou codeso, no caso de que fose de terra
bastaba con quitarlle as herbas que podían nacer ao ir do ano. A eira aparecía
limitada por un peitoril duns 20 ou30 cm e unha vez preparada soltábanse os
mollos de dereita a esquerda sempre co cañoto cara a eira, de seguido se van
colocando novas fileiras de mollos a partir da metade dos anteriores e así ata
completara eirada..

![]() |
Medeiro |
Meda |
MEDA:Morea grande de monllos de cereal
colocados ordenadamente ao redor dun pau, que se fai no lugar onde despois se
van mallar, polo xeral na eira. Primeiramente bótase unha manta vella no chan
poñéndose en forma radial varios monllos ca espiga cara o centro provocando
esto que a zona central vaia quedando sempre máis alta que as beiras dándolle
esa forma cónica.Unha vez feita pónselle por riba uns aros feitos con colmo
torcido e amarrados con paus que se espetan nos mollos da cuberta atando tamén
cordas desde o cume caendo ó longo da meda co fin de que o aire non leve a
palla. A algunhas colocábaselle unha cruz de palla ou unha coroa.
Imaxes: wikipedia; "A Terra", Xaquín Lorenzo e "A Cultura do Pan", X.L Ripalda
Ningún comentario:
Publicar un comentario