![]() |
| Exemplar de Kiri no Ecomuseo |
venres, 27 de agosto de 2021
PAULOWNIAE TOMENTOSA
mércores, 28 de abril de 2021
O RESCATE DO ÚLTIMO BARCO DE DORNAS
Na semana pasada o Ecomuseo de Arxeriz puxo en marcha un operativo para rescatar o derradeiro barco de dornas do que temos coñecemento; en ningún momento se nos pasou polo maxín que se puidese conservar un barco que se deu por desaparecido dos nosos ríos desde a construcción dos encoros do Sil e do Miño.
O BARCO DE DORNAS
O barco de dornas é unha tipoloxía de embarcación moi peculiar que se foi esvaíndo e quedando os últimos exemplares entre Peares e Belesar, máis a zona da desembocadura do Sil. De feito éste navegou entre a zona de S. Cosmede e a desembocadura do río Cabe, entre Pantón e Noguera de Ramuín.
Trátase dun tipo de embarcación cunha orixe ancestral, polivalente, universal e con especial adicación á pesca fluvial, servindo para outras labouras e servizos propios da ribeira e que por algunha razón foi quedando relegada á zona de encontro dos dous grandes ríos galegos .
Recibe o nome de "barco de
dornas" por estar feito con dúas toradas de castiñeiro, “dornos/dornas”,
baleirados por dentro cunha aixola e machada que cumpren a función de
flotadores da embarcación . No extremo máis alto de cada torada perfílase
unha proa apuntada denominada “biqueira"; a parte de atrás péchase cunha táboa, “ tempo”, sobre unha
pequena prolongación aplanada do propio tronco que lle axuda á navegabilidade
denominada “recabé”; a zona escavada no interior é regular dun extremo a outro, a parte
aberta é estreita e alongada por todo o
tronco ata dar a apariencia dunha canoa.
![]() |
Nomenclatura das diferentes partes do barco de dornas segundo Xaquín Lorenzo "O Xocas" |
As dúas toradas dispóñense en paralelo a 1 metro aproximadamente e xúnguense cuns traveseiros ben suxeitos por unhos “bios” de madeira que a modo de pasadores impiden que os traveseiros se movan e conformen un corpo coas dornas; un pau a modo de travesa cara a biqueira e outro na parte de atrás son a base estructural sobre a que se monta unha tarima de cangos de pino ou bidueiro, “o piso”, que se adaptan coa forma das dornas, máis alto na biqueira; nos laterais externos de cada dorno crávase un ferro, “o cambón”, que serve para meter o remo pola fura central. Os remos de castiñeiro miden 3´60 m. e descansan sobre unha peza de cortiza dentro do cambón.
As medidas do barco son de 3´20 m.
de longo por 1´70 m de ancho, a biqueira ten 76 cm de alto e o recabé sobresae
14 cm.
O RESCATE
![]() |
| O último barco de dornas rescatado polo Ecomuseo de Arxeriz |
A través de Diego, único veciño estable do
lugar, patrón de catamarán reconvertido en taberneiro e fedatario do acontecer de
S. Estevo puidemos dar con Isidro, o
dono do barco que xa tiña vendida a casa natal ao panadeiro de Millán en Sober.
Diego conseguíu o teléfono de Isidro e logo de achegarnos varias veces polo
lugar puidemos comprobar que
milagrosamente alí estaba varado en seco o último barco de dornas da Ribeira
Sacra e de toda a rede fluvial, como un tesouro da nosa cultura material que
servíu ao pai de Isidro para ir de pesca polo Sil a coller anguías, troitas e
salmóns con galaritos, nasas e trasmaios, peixes que metía na cavidade do tronco coa auga
suficiente para que se mantivesen vivos
antes de descargalos en terra ou en pías para mantelos días.

O último barco de dornas rescatado polo Ecomuseo de Arxeriz
Segundo Isidro, o barco fíxose no
ano 1.945 para sustituir ao anterior , xa moi desgastado, e navegou nas augas
do Sil ata que no 1959 a presa de S. Pedro rematou por cegar a faciana natural
do río e o barco pasou a ser gardado nos baixos da casa do seu propietario.
A día de hoxe, esta peza tan
sobranceira da vida nos rios Sil e Miño está á espera de que se lle realice a
restauración e consolidación pertinente para finalmente poder expoñela na sala da Cultura
Fluvial do Ecomuseo de Arxeriz.
AGRADECEMENTOS
mércores, 26 de xuño de 2019
O FOLIÓN DE CHANTADA DISPONSE A ENTRAR NO ECOMUSEO PAZO DE ARXERIZ
xoves, 25 de abril de 2019
O Ecomuseo Pazo de Arxeriz participa no Plan Proxecta da Xunta
sábado, 6 de abril de 2019
UN RÍO QUE NUNCA FOI OBSTÁCULO
venres, 5 de abril de 2019
AS "GYMKANAS" TURÍSTICAS UNHA NOVA FORMA DE VISITAR O PAZO DE ARXERIZ
Noticia completa en La Voz de Galicia
mércores, 9 de xaneiro de 2019
E románico de la Ribeira Sacra convertido en recuerdo turístico
Noticia completa en La Voz de Galicia
xoves, 27 de decembro de 2018
2ª EDICIÓN DA GUÍA DAS IGREXAS ROMÁNICAS DA RIBEIRA SACRA
Noticia completa en El Progreso
UN ANO DIFERENTE PARA OS CASTROS DA RIBEIRA SACRA
En La Voz de Galicia fannos un resumo.
martes, 4 de decembro de 2018
MOUROS E MOURAS
As lendas, que durante décadas pasaron de
xeración en xeración a través de relatos contados nas noites de inverno nas
lareiras das cociñas servían para dotar
de significado as pegadas do pasado que se perde na noite dos tempos ou para
diferenciar o feito polo home do feito pola naturaza, hoxe esmorecen nunha época na que as lendas carecen
de importancia e só se presta atención ao escaparate virtual da modernidade.
No castro da
Orxaínza(O Saviñao), por exemplo, un veciño conta como un home pasaba preto do
castro e atopou un baúl no camiño; quixo levalo para sua casa pero non tivo
forza para movelo e foi á casa buscar quen lle axudara; ó chegaren de novo ao castro
o baúl tiña desaparecido.
Algo así pasou
no castro de Freán (O Saviñao), uns
mouros deron a unha moza unha cesta chea de moedas de ouro dicíndolle que calara
ben o caso; pero falou e as moedas convertéronse en carbóns.LÓPEZ CUEVILLAS, F., FRAGUAS, A., «Los castros de la tierra del Saviñao», III Congreso Arqueológico Nacional, Zaragoza, 1953.
QUINTÍA PEREIRA,R:Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. V Xornadas de Literatura de Tradición Oral Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular
mércores, 26 de setembro de 2018
A VENDIMA
Neste artigo pretendemos centrarnos na elaboración do viño da casa de xeito tradicional, prestando especial atención á tarefa que nos ocupa estes días: A Vendima.
Queremos anotar que vendima non había só unha: entre finais de agosto e principios de setembro algunhas familias facían unha primeira escolla recollendo os racimos máis maduros para preparar unha primeira tandada de viño novo.
Esta era unha tarefa que se facía para ter viño o propio día da vendima, se o viño vello xa se estaba rematando, ou, coma no caso dos veciños da parroquia de Fión, para celebrar a festa das carrolas (noces) e do viño novo a primeira fin de semana de outubro.
Na vida tradicional as colleitas eran xornadas de traballo pero tamén festa; nelas colaboraban familiares, amigos e veciños para recoller os froitos da tempada. Xa que eran así de intensas había que preparar cubas, cestas, culeiros,...e o máis importante viño e almorzo para repoñer forzas durante todo o día.
Se comezamos polo principio, días antes da vendima había que poñer as cubas a punto. A limpeza das cubas facíase no exterior das adegas, para iso sacábanse as cuñas e facíase rodar a cuba, primeiro polos chanteiros e despois polo chan ata sair polas grandes portas das adegas. No exterior tíñanse uns días cheas de auga para que a madeira fose inchando. Nalgúns casos procedíase a unha primeira limpa introducindo nas cubas unha cadea de ferro que ó menear a cuba golpeaba o seu interior e xa ía arrastrando unha primeira capa de sucidade.
Para que quedasen coma unha patena cumpría que unha persoa, normalmente un pequeno ou pequena, se metese dentro da cuba cun fachizo de uces na man para cepillar con xeito toda a madeira e finalmente cubrir as xuntas da cuba con sebo de cabra.
Xa temos a cuba lista, así que toca preparar a pitanza que lle de forzas a tódolos traballadores.
A comida tradicional era cabra cocida, á que acompañaban touciño, chourizos, queixo, ... e viño!
O mesmo día da vendima trasladábase en cestas ata a viña; acostumábase a facer varios descansos para repoñer forzas na adega ou á sombra dunha parra.
Ó cantar do galo, antes de que saíse o sol, comezaban a andaina cara a ribeira para chegar cando o sol comezaba a alumear os racimos a colleitar; cargados de viandas, cestas e culeiros.
As tarefas estaban ben repartidas, a maior parte de homes e mulleres encargábanse de recoller os racimos en cestas que despois baleiraban nos culeiros para que os carretadores os transportasen ó lombo ata a adega ou, de non haber, ata o carro. Os nenos e nenas tamén tiñan o seu traballo, eran os encargados de revisar as cepas pra que non quedase nin unha soa "vergoña" e ademais debían recoller os vagos que podían caer ó chan.
¡Non se podía perder nada!
Como xa comentamos, o transporte da uva facíase nos culeiros, cestos de gran tamaño elaborados con vergas de madeira de salgueiro ou castiñeiro que chegaban a pesar 80 quilos.
O esmagado da uva era xeralmente cos pés nús, ou na arca ou diretamente no interior da cuba, onde mesturaba todo xunto: cangallo e zume.
Ás veces, no interior das cubas botábanse outros ingredientes para facer o viño da casa o mellor de toda a parroquia: ósos do xamón, mazás, cortiza de carballo seca,...
Como o viño gustaba escuro era bastante habitual que se lle engadisen moras, bagas de sabugueiro ou incluso colorantes artificiais coma as anilinas.
"O viño pola cor e o pan polo sabor"
E tamén gustaba mesto:
"Eu non bebo viño que o como en cuncas gotiño a gotiño"
Pero para iso aínda imos ter que agardar unhas cantas semanas 😉
venres, 14 de setembro de 2018
O ECOMUSEO DE ARXERIZ GRAVA TESTEMUÑAS DA VIDA TRADICIONAL NA RIBEIRA SACRA
Entrevista completa en
La Voz de Galicia
sábado, 1 de setembro de 2018
A malla tradicional
Para facer o traballo poñíanse os
homes en dúas ringleiras, uns de cara cos outros e co mallo collido pola
mangueira, mentras unha ringleira xostregaba co pírtigo contra os monllos
desfeitos, os da outra téñeno ergueito enriba da cabeza até o punto de quedar
vertical; deste xeito con movementos acompasados, que producían un son
peculiar ían debullando os grans das espigas. Isto chámase a porfía.
Os homes van mallando ringleira a ringleira ata rematar a eirada e cando
rematan dánlle a volta á palla para mallar a que quedara pola parte de abaixo.
Logo había que limpar o gran, aventar, facíase coa
fin de que o gran se liberase das devanditas impurezas, para o que se
necesitaba que correse algo de vento; o gran introducíase nun pandeiro ou cribo
con fondo de coiro sen buratos que se erguía no alto, ladeábase e deixábase
caer, deste xeito o vento levaba as argañas ou puxas e a “morriñada”; feito isto escóllese con cribos que poden ter o fondo de coiro con buratos ou de
aramio; finalmente métese en sacos ó tempo que se mide co ferrado e lévase para
a casa ó lombo ou no carro para
depositalo nunha arca ou hucha que quedaba aberta algún tempo.
MALLOS: están formados por un pau
longo, mangueira,e outro curto,pírtigo, articulados entre si por medio de dúas
pezas de coiro cosidas, as casulas; hai mallos que levan un buraco na mangueira
e outro no pírtigo para pasar as corres.![]() |
| Medeiro |
| Meda |
sábado, 23 de xuño de 2018
HERBAS SANXOANEIRAS
Neste artigo imos falar dunha das tradicións que máis se conserva no rural galego, ademais das omnipresentes cacharelas.
Estas plantas protectoras teñen diferentes características que as facían e fan importantes para as familias labregas e para esta noite tan especial, entre as que destacan as súas propiedades medicinais.
É unha planta da que o seu consumo resulta tan tóxico que non existe a tradición de utilizala como menciñeira, aínda que dela se extraen substancias que se utilizan para os trastornos da actividade cardíaca e circulación sanguínea, ademais de ser altamente diurética.
As súas flores utilízanse para a elaboración dun colorante.
A industria farmacéutica válese dos estalotes para realizar medicamentos que receitan para regularizar a actividade cardíaca; ademais, as súas substancias tamén resultan diuréticas.
En uso externo os seus emplastos son cicatrizantes.


Planta da que se extraen diferentes substancias para o tratamento médico veterinario e humano, de alta toxicidade polo que se está a substituír por productos de síntesis.
Con ela elabóranse emplastos para curar feridas de dificil curación e dores reumáticas.



Planta lixeiramente sedante, utilizada para tratar trastornos nerviosos, depresións, insomnio, ansiedade,... ademais de como antiinflamatoria para o tratamento de inflamacións crónicas de estómago, fígado, vesícula e riles.
É un bo remedio utilizada externamente contra as feridas, queimaduras, dores reumáticas...


O romeu é utilizado en numerosos tratamentos contra a reuma, ademais de ser útil para calmar os nervios, baixar a tensión, mellorar as dixestións e como diurético.
Utilízase en perfumería e para locións capilares; o seu aceite úsase para elaborar un alcol co que dar masaxes e é un condimento moi utilizado na gastronomía popular.
En dosis elevadas é tóxico.
Esta planta contén un aceite esencial velenoso (oleum rutae), ademais doutras substancias das que destaca a rutina, xa que é utilizada en farmacoloxía para baixa-la tensión, regular a actividade cardíaca, reducir as dores de cabeza, estimular a dixestión e eliminar parásitos intestinais.
Tamén se utiliza contra as afeccións xinecolóxicas.

A flor desta árbore ou arbusto é moi utilizada na medicina tradicional para os catarros e infeccións das vías respiratorias.
A súa infusión tamén se aconsella para a limpeza dos ollos para combatir a fatiga.
Pola súa banda, os froitos utilízanse para elaborar mermeladas, xaropes e viños. Son lixeiramente laxantes e tamén se utilizan para doenzas de tipo nervoso coma o insomnio, as migrañas, dores de cabeza e inflamacións.
venres, 1 de xuño de 2018
AVIFAUNA DO ECOMUSEO DE ARXERIZ
Hirundo rustica
Coñecida en castelán como golondrina, é unha ave que foi moi estudiada e que deu moitas claves para o coñecemento das migracións.
Esta ave chega á península a mediados de marzo para criar e para anunciarnos a chegada da primavera. Ademais, moitos exemplares atravesan a península de camiño ás súas zonas de cría máis ó norte, ou, en outono cara África, onde invernan.
Queremos remarcar que están diminuíndo o número de exemplares, SEO/Birdlife estima un declive do 30% na última década.
PAPORRUBIO
Erithacus rubecula
É un paxaro universalmente coñecido pola súa mancha alaranxada que lle vai da cara ó peito, e que lle da o seu nome.
En castelán é coñecido por petirrojo.
É un habitante permanente dos nosos montes e podémolo ver habitualmente polo chan na busca de insectos.
Son moi territoriais e agresivos, incluso con exemplares da súa mesma especie.
LAVANDEIRA
Motacilla alba
Esta é outra das aves que nos acompaña durante todo o ano, sendo a lavandeira branca a máis común.
Debe o seu nome a que frecuenta as beiras de regatos, charcas e lagoas.
Podemos velo ó longo de todo o ano e en calquera tipo de hábitat.
RABIRRUBIO TIZÓN
Tamén é un dos habituais de Arxeriz durante todo o ano; é un paxaro que habitualmente convive cos humanos, xa sexa na contorna urbana ou rural.
Esta é a primeira carta de presentación das aves que habitan e visitan o Ecomuseo de Arxeriz, aínda nos quedan moitas por identificar e fotografiar!



























