venres, 22 de xaneiro de 2016

O POMBAR OU POMBAL


"AVE DE PICO NON PON Ó DONO RICO"

O nome xenérico en Galicia é pombal, aínda que nalgunhas comarcas de Lugo e Ourense é chamado pombar.
É unha construcción maioritariamente rural da arquitectura tradicional galega.
Como ben di Xaquín Lorenzo "O Xocas" no seu libro "A Casa": "Escasos son os pombares na nosa casa rural, anque se atopan en troques de abondo nas casas grandes e nos pazos."
(Lorenzo, 1982, p.172).
O motivo non é outro que a pouca rendibilidade económica que proporcionan estas aves:
"(...) o principal producto que se obtén das pombas son os pombiños, que se collen cando están a piques de voar do niño ou, nalgúns lugares a penuxe como subproducto, (...)"
(Galicia, as construccións da arquitectura popular; Caamaño Suárez, 2006, p.392).
Por iso, aparecen sobre todo a carón de mosteiros, pazos, rectorais e casas grandes; e isto condicionou que fosen símbolo de estatus.

Nas casas labregas era máis común atopar pombeiros: "(...) refírese con frecuencia a unha pequena e sinxela construcción, moitas veces de madeira, que se sitúa na parte alta dunha casa, ou dun alpendre, ou dun hórreo, para albergar unhas poucas pombas."
(Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza; Mariño Ferro, X.R.; González Reboredo, X.M., 2010, p.363).




Atopámonos con diferentes tipoloxías de pombais, aínda que polo xeral "consiste nunha construción cilíndrica, rara vez poligonal, con cuberta cónica de tella.
Na parte alta leva un asoleirado que sobresae da parede e por riba del ábrense, todo derredor, unha chea de ventaniños pra entraren e saíren as pombas.
Na parte baixa ten unha porta prá xente, que se pecha cunha folla de madeira con respiradeiros prá ventilación. O pombar leva todo o seu exterior, menos o tellado, enlucido con auga e cal.
No interior ten as paredes ocupadas por nichos que as pedras deixan entre si, onde fan o niño as pombas.
Embaixo, no centro, atópase unha mesa de pedra pra lles botar grans durante o inverno, especialmente nas tempadas en que o rigor do clima non llelos deixa procurar fóra.
Tamén se ten dentro unha escada pra acada-los niños cando compre."
(Lorenzo, 1982, p.173).


Imaxes tomadas de "Galicia, as construccións da arquitectura popular" de Manuel Caamaño Suárez, onde podemos observar a variabilidade arquitectónica dos pombais.


"O investigador C. González Pérez fixo, hai anos, un catálogo de pombais de toda Galiza, atopando un total de 300, moitos deles en mal estado de conservación. Do total 217 tiñan a planta circular, 42 cuadrangular, 12 octogonal e, finalmente, outros 29 respondían a plantas diversas. En canto ao seu tamaño, varía moito duns a outros, adaptándose ás necesidades de cada propietario."
(Mariño Ferro, González Reboredo; 2010, p.363).


No Ecomuseo de Arxeriz temos unha catalogación do patrimonio etnográfico dos concellos de O Saviñao, Pantón, Chantada e Carballedo, na que recollemos as fichas dos seguintes pombais. 
Somos conscientes de que aínda non están todos recollidos, aínda así, a maioría presenta planta circular con teito cónico de tella ou lousa e muros de cachotería, na maioría dos casos encalados, ou de sillería. 

  • O Saviñao: 28
  • Pantón: 13
  • Carballedo: 2
  • Chantada: 16
Aínda que tamén atopamos excepcións:

Nas últimas décadas o esplendor dos pombais esvaeceuse e, na súa maioría quedaron abandonados. Contamos con bos exemplares que foron moi ben restaurados e están sendo utilizados para outros usos, algúns que aínda conservan o seu uso orixinal, e outros que están sendo colonizados pola natureza.


Estes pombais levan séculos entre nós, a primeira referencia que atopamos en Galicia data do século XIII, é un documento de aforo do mosteiro de San Pedro de Rocas. E a primeira representación gráfica aínda se conserva na biblioteca do mosteiro de El Escorial, na cantiga CLVIII de Alfonso X o Sabio.

sábado, 16 de xaneiro de 2016

sábado, 3 de outubro de 2015

domingo, 13 de setembro de 2015

XOSÉ SOTO INICIA A MUSEALIZACIÓN DO CASTRO DE ARXERIZ E OS SEUS RESTOS

Os arqueólogos restauran as pezas que se exhibirán no centro etnográfico do pazo.
A Fundación Xosé Soto de Fión comezou cos labores de musealización do castro de Arxeriz, próximo ao seu centro etnográfico dedicado á cultura ribeirega do Miño.


Noticia completa en
El Progreso

ARXERIZ, UN ARQUIVO DA CULTURA TRADICIONAL DA RIBEIRA SACRA

"O percorrido polo museo empeza nunha sala adicada á cultura fluvial. Nesta sección exhíbense varias embarcacións tradicionais de distintas zonas do Miño."
"A seguinte sala céntrase nas artes de pesca. Unha serie de paneis explican o uso das construccións chamadas caneiros e pesqueiras."
"A visita continúa no edificio principal do pazo onde está recreada unha cociña tradicional provista da típica lareira."
"A continuación áchase unha sala dedicada á viticultura tradicional que encerra unha importante colección de apeiros e artefactos utilizados en diversas labores."

Noticia completa en La voz de Galicia



mércores, 2 de setembro de 2015

FUSAIOLAS




O fiado e o tecido son actividades tradicionais moi antigas que xa aparecen rexistrados en textos clásicos como os de Estrabón ou Plinio e que a arqueoloxía corrobora cos seus achádegos ( fusaiolas, pesas de tear, agullas…).Neste caso o castro de Arxeriz agasallounos con varias fusaiolas de diferentes tipoloxías como testemuñas de un dos procesos de elaboración de tecido, en concreto:o fiado.

Fusaiolas atopadas no sondeo central da croa.

Aparecen de forma frecuente nos xacementos castrexos aínda que tamén se rexistran en xacementos de outras épocas.

Fusaiola decorada atopada no sondeo W.

Son de forma circular,de tamaño más ben pequeno e presentan unha perforación central que servía para colocar o fuso; poden estar feitas de pedra, arxila ou  restos de cerámica e este feito vai marcar a dimensión da perforación para conseguir o peso adecuado (se o peso é demasiado pequeno colocaríase outra fusaiola no fuso).

Fusaiola reutilizada de restos cerámicos


A súa función é a de facer  de contrapeso para facilitar a torsión e evitar que escape o fío,servíndolle de tope; para esto é moi importante o peso da fusaiola xa que éste vai determinar que o fuso funcione correctamente ou non; se temos un peso maior do axeitado o fío romperá e pola contra se o peso é menor os fíos non quedarían ben tensados nin torcidos e de ahí o refrán que di:” O fío racha por floxo e mal fiado e non por fino”.

Fusaiola colocada no fuso

Muller fiando