mércores, 5 de agosto de 2015

FÍBULA DO CASTRO DE ARXERIZ, campaña 2014


Fíbulas hai moitas, pero como a de Arxeriz… ningunha.

Entre os muros de dúas construccións recuperouse a fíbula.
Poderiamos teclear centos de palabras á hora de tratar o tema das fíbulas, xa que hai moitas e moi variadas; pero o obxecto desta entrada é tratar só a de Arxeriz xa que aínda que pode parecer unha máis o certo é que para nós non o é.

A fíbula tal como saíu da escavación
As fíbulas en xeral, e desde un punto de vista funcional, podemos definilas coma un obxecto metálico que ten como finalidade a de suxeitar as prendas de vestir. O seu tamaño dependerá da prenda á que se destina, e podemos engadir que quizáis reflicta os gustos do propietario.

A peza logo da restauración
 Hoxe en día non serve só para ter de exposición senón que se pode extraer dela información moi útil que nos axude a comprender mellor o noso pasado.

En primeiro termo o cono de remate do apéndice.
En particular a fíbula de Arxeriz é de pequeno tamaño e poderiamos encadrala dentro do tipo tramontano; conserva case tódolos seus elementos:
-       A ponte: presenta unha cresta e dous nervos laterais con motivo sogueado.
-       O apéndice:conta cun tallo de cinco molduras, a central con pequenas incisións na arista. Remata nun apéndice cónico invertido con decoración interior, un botón rodeado de pequenos pétalos e dous círculos concéntricos.
-       Resortes: o seu remate é un tamborciño con molduras e incisións no centro.




Como xa comentamos fíbulas hai moitas, pero ésta parécenos especial xa que é un dos agasallos que chegou a nós e  con él (e outros moitos) trataremos de abrir unha fiestra ao pasado que nos permita ver dende o Ecomuseo de Arxeriz  cómo era a cultura e as formas de vida dos nosos ancestros. Só coñecendo o noso pasado nos coñeceremos a nós mesmos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario