venres, 2 de xuño de 2017

APLICACIÓN DE TERMOGRAFÍA NO CASTRO DE ARXERIZ

A arqueoloxía xa hai décadas que usa a prospección guiada por termografía (imaxes de calor) para localizar posibles estruturas soterradas, pero, debido ao alto custo a penas era utilizada.
A situación cambia coa aparición dos drons que permiten non só voos a baixa altura que melloran a eficacia da técnica, senón que tamén resultan moito máis económicos e polo tanto esta técnica é moito máis asequible.
A termografía infravermella é unha técnica non destrutiva que rexistra cambios na temperatura dun corpo, é dicir, é capaz de captar radiación infravermella do espectro electromagnético emitida por un corpo.
Unha vez que se captan estas variacións de temperatura coa cámara termográfica vólcanse estes datos nun termograma ao que se lle asigna unha paleta de cores aos distintos intervalos de temperaturas e que amosará os distintos gradientes termométricos entre a rocha, a vexetación, etc.
Pero os resultados non van depender só da calidade da cámara senón que dependerán das condicións medioambientais que se rexistren nese momento, do tipo de solo sobre o que se realice a técnica, da potencia do solo, etc.
En condicións óptimas os resultados ofrecidos serían moi nítidos e claros xa que o diferencial térmico que se rexistraría sería moito maior, pero este tipo de condicións son moi difíciles de conseguir polo que os datos aportados non sempre son tan nítidos e polo tanto non se pode afirmar ou negar categóricamente a presencia ou non de estruturas soterradas.

O CASO DO CASTRO DE ARXERIZ
No mes de abril un dron equipado cunha cámara termográfica sobrevoou o castro de Arxeriz na procura de estruturas soterradas ou de pistas que axudasen a descubrilas.
A actuación centrouse na zona da croa coa intención de que, aínda que non fose de forma nítida, ofrecese algún indicio de estruturas para poder encarar máis directamente a seguinte campaña de escavación.
As tomas de datos realizáronse un día de calor despois das cinco da tarde, momento a partir do cal, as rochas comezan a emitir máis radiación infravermella que é capturada pola cámara termográfica que vai acoplada ao dron. A idea é conseguir que nas imaxes apareza un diferencial térmico elevado para así poder diferenciar unha estrutura, que presentaría unha lonxitude e anchura propias, da rocha, que aparecería diseminada por zonas. Para isto é moi importante ter calor xa que provoca que aumente o gradiente térmico entre os materiais.
Os resultados obtidos no voo que se realizou en Arxeriz permitíronnos obter datos sobre posibles estruturas soterradas, pero antes de analizalos veremos a paleta de cores utilizada.
A gama cromática asignada a estes termogramas foi a seguinte:
  • Cores brancas, amarelas e/ou laranxas indican moita radiación procedente da rocha natural que aflora en superficie, de restos de estruturas pétreas ou de amontoamentos das mesmas procedentes de derrubes.
  • As cores vermellas ou rosadas indican certa radiación tanto da rocha natural (máis profunda) como de elementos pétreos máis difusos que poderían corresponder a estruturas.
  • As cores azuis indican radiación practicamente nula, esto non quere dicir que non haxa estruturas soterradas senón que sería unha zona sombría con bastante vexetación ou profundidade.
Este sería un exemplo de termograma no que se obtivo bastante información:



Neste termograma pódese apreciar dende o esquinal da estrutura exhumada cal sería a súa lonxitude e en que direción se estende; ao seu carón aparece outra estrutura de menores dimensións seguindo a mesma dirección que a anterior.



Pero na maioría dos termogramas faise dificil atopar indicios de restos soterrados, sobre todo polo tipo de solo no que se atopa este castro.

Aínda que os resultados obtidos non se poden calificar de excelentes sí que se debe concluír que esta técnica aporta datos e información interesantes xa que confirman a existencia de máis estruturas aínda soterradas e das que non tiñamos noticias, así como a continuidade de outras parcialmente soterradas.
Aplicar esta técnica, previa a unha escavación, supón un complemento máis, un aporte de información en moitos casos necesaria para aportar indicios que nos axuden posteriormente no proceso de escavación.

Xa que, ás veces, mirar dende o ceo axuda a descubrir o que hai baixo terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario