domingo, 16 de xullo de 2017

OLA DE MAZAR O LEITE

Unha das tarefas fundamentais que se leva a cabo dende o "Ecomuseo de Arxeriz" é a e recuperación do patrimonio material e inmaterial do rural galego.
Esta misión comezouse antes de que as portas deste centro se abrisen no ano 2004, e, na actualidade, continúase a percorrer aldeas e vilas na busca das pezas que conservan as pegadas da historia dos nosos antergos, ademais de recoller os testemuños dun pasado case esquecido.
A peza que vos queremos presentar neste artigo é a última adquisición do Ecomuseo de Arxeriz que foi mercada a Eliseo Ribas; él mesmo infórmanos de que a ola sempre estivo na casa e que pertenceu aos seus avós, Ramona López e Antonio Expósito de Carrasqueiras, parroquia de Vilatán (O Saviñao).
Posiblemente, esta ola foi mercada polos seus antepasados en algunha das feiras que se celebraban no rural galego; a de máis sona na contorna era a de Augas Santas (Pantón), feira anual que cada 8 de setembro se ateigaba de oleiros e cacharreiros de Gundivós e Niñodaguia e das xentes da contorna que acudían a mercar o enxoval da casa.


Polas características que presenta, esta ola enmarcariámola na terra de Maceda, olería tradicional que se segue a conservar no concello de Montederramo (Ourense). Está composta por unha ola sen asas que presenta un vidrado propio, estas pezas eran introducidas no "baño" ata os límites do colo. E na parte superior, en madeira, está colocado o mazo (mango, parafuso, mazarico ou maza) e a rodela.

Esta peza era utilizada para "mazar o leite":

"Mázase dándolle arriba e abaixo, ata que se separe a manteiga do soro. (...) Segundo Xaquín Lorenzo, tamén elaboran manteiga batendo leite morno ata separar unha parte líquida, -o leite mazado, que tamén toman- e unha parte callada, que logo amasan como a nata. A manteiga obtida por calquera dos procedementos póñena nunha bóla, chamada pela, baluga ou petela, que envolven nunha folla de berza. Se non a consomen ou venden fresca, cócena para conservala máis tempo." MARIÑO FERRO, X.R.; GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.; "Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza", Vigo, 2010, p.234.



"Facer o leite" es una expresión equivalente a "mazar o leite". Con ello se quitaba la manteca a la leche, que era muy estimada, para vender en las ferias y en una pequeña parte para consumir en la propia casa. Retirada la manteca, quedaba "o leite mazado", o suero, que en la opinión de aquellas gentes era muy sabrosa y sana, al faltarle la grasa. No servía para hervir, pero "en frío" se echaba en los cachelos o se tomaba con pan en las "tazas", o como simple bebida para apagar la sed."
GARCÍA ALÉN, L.; "La alfarería de Galicia", A Coruña, 2008, p.205.

Ningún comentario:

Publicar un comentario