venres, 28 de xullo de 2017

O PRIMEIRO ALBERGUE DE PEREGRINOS DA COMARCA DE LEMOS

A Fundación Xosé Soto de Fión vén de presentar nas oficinas municipais do concello de O Saviñao o proxecto para abrir un albergue no edificio que, no seu día, serviu de escola no lugar de Arxeriz, Fión; situado a uns centos de metros do Camiño de Inverno.


O proxecto contempla a adecuación do vello edificio para dotalo de 24 prazas mailos servizos correspondentes de comedor, cociña, sala, baños e lavandería. Na parcela acondicionarase unha zona axardinada con algunhas árbores máis que proporcionen sombra, ademais poderá seguir sendo utilizada como campo da festa da parroquia.
Consideramos que o paso do Camiño pola zona vai axudar a dinamizar socioeconómicamente os lugares polos que pasa, pero para que isto sexa unha realidade necesítanse unha serie de infraestruturas e condicións que doten ao Camiño de elementos propios que o fagan atractivo para os camiñantes. Cómpre unha boa sinalización, hai que subliñar que este aspecto é o que se atopa máis avanzado, non é así no caso do acondicionamento da ruta que se debería atopar en perfectas condicións; isto non se cumpre en varias zonas limítrofes entre os concellos de Pantón e O Saviñao.
En terceiro lugar consideramos que para que o Camiño acabe consolidándose como unha importante ruta de peregrinación a Compostela debe dispoñer de instalacións coma os albergues que lle permitan aos camiñantes realizar e planificar os seus desprazamentos con comodidade. Neste aspecto queremos contribuir a potenciar o Camiño de Inverno e situar a parroquia de Fión como punto de referencia nesta ruta, xerando unha dinámica socioeconómica no medio rural como un dos xeitos de crear emprego e frear o despoboamento da zona.

Máis información nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario