Dende o Ecomuseo de Arxeriz cremos que é algo moi positivo que se esté a poñer o foco de atención nunha tipoloxía de recebado específica e característica da metade sur da provincia de Lugo, o que agardamos que se traduza na súa valorización e posterior recuperación e conservación, ademais de que se converta na dignificación da tan esquecida e menosprezada arquitectura popular galega.
Arxeriz antes da restauración |
Polo tanto, esta arquitectura tradicional deberíase considerar unha parte do mesmo, que define e conserva un lugar, unha sociedade e unha cultura concretas; razóns suficientes para o seu estudo e conservación.
A Fundación Xosé Soto de Fión, dende as súas orixes, traballa na recuperación deste patrimonio da cultura galega que se pode ver materializado no Ecomuseo de Arxeriz onde unha serie de intervencións, comezadas xa nos anos 90, deron como resultado a conservación dun importante conxunto arquitectónico e etnográfico: o pazo de Arxeriz e as súas construcións adxectivas.
Vista xeral do Ecomuseo de Arxeriz |
Interior do pazo de Arxeriz (1995) |
No interior do pazo, no cuarto grande da casa dos escudos, e no muro lateral do pendello anexo, localízase esa mostra desta tipoloxía de decoración.
No 1996 realizáronse os encintados exteriores no pendello, seguindo a pegada que aínda se conservaba neste muro, cubrindo as xuntas e as pequenas pedras con morteiro caleado ó xeito da zona, simulando perpiaños de certa calidade ó cubrir as partes do muro e os cachotes con amplas bandas de cal.Aínda que sen elementos decorativos de carácter específico, o encintado nas paredes de Arxeriz, seguindo a sinuosidade do aparello irregular, dalle unha viveza ós muros que poñen unha nota de luz nas escuras pedras colocadas con tanto esforzo.
Xaquín Lorenzo en "A Casa" (1982) fálanos do "cintado" como "un elemento estético" que non "soamente tapa as xuntas senón que dá unha apariencia de mais regularidade ás pedras da parede, ó facer resalta-las unións das pezas, non sempre dacordo coa realidade, sinalando algunhas inexistentes e suprimindo outras que poderían quebra-la harmonía desexada". E pon de manifesto que "é un dos poucos elementos das vivendas que as xentes do noso campo empregan como decoración" (LORENZO, 1982, 13).
Esta só é unha das tipoloxías dos remates dos muros exteriores das construcións galegas, sobre todo das casas-vivenda.
Caamaño en "As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia" (2006) agrupa os acabados exteriores dos muros galegos en cinco tipoloxías diferentes: muros vistos (sen tratamento algún), encintados (resaltado das xuntas a base de bandas de recebo de barro caleado), recebado con barro e caleado (recebado con morteiro de barro e caleado ou pintado, de todo ou parte do muro), revestimentos varios (cunchas de vieira, lousas de xisto, tellas ou chapapote asfáltico) e revestimento ornamental (elementos puramente decorativos) (CAAMAÑO, 2006, 107).
Esta última tipoloxía é a que, dende fai un par de anos, están a recoller un grupo de persoas sensibilizadas coa conservación do patrimonio e que, a través das redes sociais, están a difundir nos grupos Red Ribeira Sacra e Lenzos de Terra e Cal .
Na actualidade a Axencia de Turismo de Galicia asinou co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra un "Convenio de Colaboración para o Estudo e Investigación dos Esgrafiados na Ribeira Sacra" que ten por obxecto a "documentación e investigación do legado do esgrafiado na Ribeira Sacra como elemento diferenciador que culmine cunha publicación para a súa posta en valor e que sirva de base técnica das actuacións materiais que se poidan realizar nun futuro". Ademais de comezar coa "recuperación dos encintados/esgrafiados máis senlleiros e/ou de maior valor patrimonial danados polo paso do tempo e polos axentes corrosivos".
Intervención convenio CT Ribeira Sacra e Axencia de Turismo de Galicia (foto Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra) |
Neste artigo investiga o que el mesmo denomina como "decoracións tradicionais de feitura popular a base de debuxos ou pinturas realizadas en cal sobre os elementos da arquitectura tradicional" ou "decoracións murais", nos concellos de Monforte, Sober e a Pobra do Brollón; e no que tamén apunta que se conservan "nos concellos de Ferreira de Pantón, Carballedo, O Saviñao, Chantada, Taboada, Palas de Rei, Monterroso, Guntín de Pallares, Portomarín e Antas de Ulla (...) en certas zonas do norte da provincia de Ourense ribeiráns co Sil" e "en áreas do sur ourensán raianas con Portugal" (LIZANCOS, 1993).
Lizancos (1993) atopa tres tipos de sistemas de soporte empregados para gravar debuxos nas fachadas:
- Os pintados directamente sobre o muro.
- Os pintados sobre o encintado que cubre as xuntas do muro.
- Os pintados sobre unha capa de morteiro que cubre todo o muro.
Neste mesmo estudio presenta o tipo de material utilizado, sendo o maioritario o uso de morteiros de cal, barro ou cemento "Portland" de cor branca; aínda que tamén aparecen en negro, vermello, rosa e ocre. (LIZANCOS, 1993).
Deduce que puideron ser realizados mediante patróns ou guías de cartón ou trazados a compás e, ademais, recolle tres tipoloxías:
Restos de gran decoración na "Casa Grande" de Galegos, San Vicente de Castillón (Pantón) |
- Grandes decoracións: Decoracións de grandes dimensións que aparecen en vivendas, casas grandes, igrexas e construcións adxectivas varias, que presentan composicións abstractas e xeométricas (simulación de perpiaños ou cachotería, pingas, follas, buxainas e óvalos).
- Motivos illados: Elementos individuais que aparecen en todo tipo de edificacións, excepto nas relixiosas, presentando motivos xeométricos, figuras animais, humanas, vexetais e diferentes obxectos e incluso letras.
- Faixas e enmarques: Debuxos lineais que destacan determinadas partes das vivendas presentándose como faixas horizontais ou verticais lisas ou decoradas, grandes enmarques, enmarques de ocos, linteis...
Atopámonos con gran dificultade para poder datar este tipo de manifestacións artísticas, podendo aseverar que o seu declive, coma o da arquitectura tradicional en xeral, comezou a partires dos anos 50 e 60 cando o proceso de abandono do rural botou a andar e que en pleno século XXI parece que aínda lle quedan folgos. Por iso mesmo é de vital importancia conservar o legado dos nosos devanceiros que resistiu os embates do tempo ata os nosos días.
Restos de decoracións murais en Arxeriz antes da súa restauración |
Ningún comentario:
Publicar un comentario