Fogueira de San Xoán |
Nisto tamén concorda Carmelo Lisón Tolosana en
“El fuego: permanencias y variaciones
enigmáticas” (El fuego. Mitos, ritos
y realidades, 1995, 25-41) onde recolle que o lume era utilizado como
protector de persoas, animais e casas; contra meigallos e mal de ollo; pra
“queimar a fada”, “o mal de araña”, “do aire” e “o enganido”.
Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González
Reboredo no seu Dicionario de etnografía
e antropoloxía de Galicia (2010, 180 ) sinalan que “Os historiadores e
etnógrafos, así coma algúns amantes das tradicións locais, tenderon a
interpretar estes rituais ígneos como unha lembranza de vellas crenzas pre ou
protohistóricas, concretamente relacionados cun pretendido pasado celta de
Galiza.”
Fachós de Castelo (Taboada) |
E así o recolle a “Gran Enciclopedia Gallega” na defición da palabra folión, onde Antonio Fraguas considera a
posibilidade de que sexa un culto pagano cristianizado (Tomo XIII, 123-125)
Na Ribeira Sacra teñen moita sona tres
festividades nas que o elemento principal é o lume: o folión de fachas de
Vilelos, a queima das fachas de Castelo e a festa dos fachóns de Castro
Caldelas, rituais onde a poboación local segue a manter viva a tradición de
elaborar uns fachicos que alumearán a súa parroquia o día antes do patrón ou
patroa da parroquia.
Nestes tres casos o lume convértese no
“anunciador” da gran festa, “(...) é o chamado folión. Celebrado a véspera da festividade, ao anoitecer. Foi
habitual en terras da provincia de Ourense e no sur de Lugo, e supoñía subir a
un lugar destacado da paisaxe parroquial, como un outeiro ou un castro, e alí
lanzar foguetes ou acender lumes que podían durar ata avanzada a noite.” (X. R.
Mariño Ferro, X. M. González Reboredo,2010, 180).
Fachas de Vilelos |
“De
noche y al compás de las gaitas, van los hombres ascendiendo lentamente y como
en procesión, llevando una luz en la mano, por las laderas del monte. Una vez
en la cima forman un círculo en torno a los que hande disparar los fuegos
artificiales, y mientras estos se queman, permanecen ellos graves y en
silencio, en la mano la luz encendida y presenciando el disparo de los cohetes
como si se tratase de una ceremonia importante”. (M. Murguía, Galicia (1888),
175).
As Fachas de Castro Caldelas |
Esa luz da que fala Manuel Murguía son os
atados vexetais ós que fai referencia X. M. Vázquez Rodríguez no artigo “Cerimonias de véspera. Os folións na ribeira
sacra” (Boletín do Museo Provincial de Lugo, nº8, 1997, 215-290):
“Os
atados vexetais secos (palla, madeira, piñas...), que se usaban a modo de teas
para alumarse na noite, son chamados co nome de “fachas” e as súas varinates
–“fachos”, “fachóns”, “fachicos”, “fachucos”, “fachuzos”, etc. -. O uso de
fachas era común en numerosos folións nocturnos na Ribeira Sagrada, estando
estas na súa maioría construídas con agucios. Os agucios son os talos dunha
planta coñecida en galego como abrótega, abondosa en montes baixos, e que unha
vez recolleitados cando están secos e atados a un pao revestíndoo,
prendíaselles lume, sendo a cobustión lenta polo que a iluminación era
prolongada. Para elaborar as fachas utilízase ademais a “palla longa” das
malladoras, atada a un pau cando o tamaño da facha era grande, á que se lle
podían engadir “gamós” ou agucios.”
·
O folión de fachas (Vilelos, O
Saviñao)
Celébrase no mes de
setembro, na véspera da festa da parroquia. Os veciños de Vilelos confeccionan
as fachas con agucios que recollen previamente no mes de agosto, cando estes
están ben secos. Elaboran varias fachas para subir ó castro, e un par delas de
grandes dimensións que quedan chantadas no campo da festa, ó pé do castro da
Besta.
Atado de agucios |
Arredor das doce da
noite, comezan a prenderse as fachas individuais e veciños e público comezan a
procesión cara a cima do castro, acompañados por un grupo de música tradicional
rodean a croa do castro varias veces e volven ó campo da festa para prender as
fachas maiores, e namentres arden actúan outro par de grupos musicais e
sérveselles ós asistentes queimada e rosca con queixo.
·
Queima das fachas (Castelo,
Taboada)
Esta celebración
ten lugar a véspera da festa da parroquia de Castelo, no mes de setembro.
Os veciños da
parroquia, normalmente cada casa, elaboran a súa facha, de grandes dimensións,
e chántanas na croa do castro, onde se sobe despois da cea que comparten no
campo da festa.
Cando rematan de
arder, báixase ó campo da festa, ó pé do castro, e unha orquestra ameniza a
velada ata ben entrada a madrugada.
·
Festas dos fachóns (Castro
Caldelas)
A diferencia das
dúas anteriores, a festa dos fachos de Castro Caldelas celébrase no mes de
xaneiro, mais tamén a véspera do día do patrón.
Os veciños e
veciñas desta vila, na actualidade é o concello o encargado, elaboran un gran
facho que se coloca na praza diante da igrexa; e máis fachos de menor tamaño
para que os asistentes á celebración poidan portar e pasear con eles acesos
polas rúas do casco vello. O material vexetal utilizado neste caso é a palla,
para o que, na actualidade, hai que programar a sementeira, sega e malla do
pan, xa que é un cultivo que non abunda no noso rural.
Ó comezo é habitual
que un folión (grupo de persoas que tocan un ritmo propio con instrumentos de
percusión e apeiros de labranza) dalgunha das parroquias do concello animen a
festa.
Ó rematar o
percorrido, acéndese o gran facho e tíranse a el os restos dos que quedan
ardendo. Namentres se queima sérvense chourizos asados con pan e viño, e un
grupo de música tradicional acompaña ós bailadores ata que remata a festa ó
apagarse o gran facho.
Gran facho final en Castro Caldelas |
“Olegario Sotelo Blanco describe en varios
traballos a “Festa dos Fachós”, á que tamén chama “procesión dos fachós” de
Castro Caldelas. Ó anoitecer comeza o desfile logo de concentrarse na entrada
da vila pola estrada de Ourense, este percorrido faise con fachóns de palla
acesos desde a praza do Prado, pasando polas rúas empedradas mentres as campás
da igrexa non deixan de tocar, ata voltar ó Prado onde se queimarán as tes
nunha gran fogueira diante do santuario, bailando arredor e ata saltando por
riba do lume, botando o fogo polo aire, rematan barrendo a borralla polo chan e
aventando as cinzas que logo serán estendidas polo pobo. Tamén se recolle que
unha bomba de palenque é o sinal do comezo da marcha, na que se cantan coplas
alusivas ó santo como “Viva San Sebastián, o bispo e o can”, ou “E a Marcela, e
a cadela...” entre outros vítores a persoas coñecidas da comunidade,
acompañadas no desfile por uns gaiteiros. Non falta a competitividade entre os
mozos por levar o fachón máis grande, superando os doce metros de altura algúns
exemplares no ano 1978.” (Boletín do Museo Provincial de Lugo, nº8, 1997,
X. M. Vázquez, 228).
Ningún comentario:
Publicar un comentario