sábado, 23 de xuño de 2018

HERBAS SANXOANEIRAS

Na festividade de San Xoán, cando ten lugar a celebración do solsticio de verán, son varios os elementos da natureza que posúen un carácter máxico-protector: o lume, a auga, a flora...
Neste artigo imos falar dunha das tradicións que máis se conserva no rural galego, ademais das omnipresentes cacharelas.
Antes de que abra o día, na mañá do día 23, aínda hai xentes que se afanan en recoller a auga de sete fontes na que poñer a remollo sete herbas diferentes durante a noite de San Xoán para lavar a cara e o corpo ó amencer.
Estas plantas protectoras teñen diferentes características que as facían e fan importantes para as familias labregas e para esta noite tan especial, entre as que destacan as súas propiedades medicinais.
Dependendo dos lugares e tradicións utilízanse un ou outro tipo de plantas, nós agora ímosvos presentar algunhas das máis comúns e o seu uso menciñeiro.

Cytisus scoparius
XESTA

















É unha planta da que o seu consumo resulta tan tóxico que non existe a tradición de utilizala como menciñeira, aínda que dela se extraen substancias que se utilizan para os trastornos da actividade cardíaca e circulación sanguínea, ademais de ser altamente diurética.
As súas flores utilízanse para a elaboración dun colorante.

Digitalis purpurea
CROQUE, DEDALEIRA, ESTALOTE, ESTRALOQUE, SANXOÁN


















A industria farmacéutica válese dos estalotes para realizar medicamentos que receitan para regularizar a actividade cardíaca; ademais, as súas substancias tamén resultan diuréticas.
En uso externo os seus emplastos son cicatrizantes.


Dryopteris filix-mas
FENTO MACHO



















Planta da que se extraen diferentes substancias para o tratamento médico veterinario e humano, de alta toxicidade polo que se está a substituír por productos de síntesis.
Con ela elabóranse emplastos para curar feridas de dificil curación e dores reumáticas.

Foeniculum vulgare
FIOLLO, FIÚNCHO

















A infusión desta herba utilízase para tratar diarreas estrinximento, e problemas do aparato dixestivo en xeral. Tamén se elabora un xarope co seu zume que, mesturado con mel, é moi efectivo coa tose.
Lavar os ollos coa súa infusión desconxestiónaos.
A industria utilízaa no campo da cosmética, e debido ó seu arrecendo e sabor, moi similar ó anís, tamén se utiliza na confitería e na elaboración de licores.

Hypericum perforatum
ABELOURA, HERBA DE SAN XOÁN, HIPÉRICO

















Planta lixeiramente sedante, utilizada para tratar trastornos nerviosos, depresións, insomnio, ansiedade,... ademais de como antiinflamatoria para o tratamento de inflamacións crónicas de estómago, fígado, vesícula e riles.
É un bo remedio utilizada externamente contra as feridas, queimaduras, dores reumáticas...
"A herba de San Xoán, limpa a cara de grans"

Malva sylvestris
MALVA



















Desta planta aprovéitanse flores e follas para a realización de infusións para curar catarros ou para problemas gastrointestinais tales coma feridas internas, lesións das mucosas e úlceras de estómago.
Se facemos un emplasto poderemos tratar úlceras e feridas tanto cutáneas como bucais.
"Cun horto e un malvar, hai menciñas para un fogar"

    Rosmarinus officinalis
    ALECRÍN, ROMEU, ROSMANIÑO

















    O romeu é utilizado en numerosos tratamentos contra a reuma, ademais de ser útil para calmar os nervios, baixar a tensión, mellorar as dixestións e como diurético.
    Utilízase en perfumería e para locións capilares; o seu aceite úsase para elaborar un alcol co que dar masaxes e é un condimento moi utilizado na gastronomía popular.
    En dosis elevadas é tóxico.
    "Non hai sábado sen sol, romeu sen flor, nen María sen amor"

    Ruta graveolens
    RUDA


















    Esta planta contén un aceite esencial velenoso (oleum rutae), ademais doutras substancias das que destaca a rutina, xa que é utilizada en farmacoloxía para baixa-la tensión, regular a actividade cardíaca, reducir as dores de cabeza, estimular a dixestión e eliminar parásitos intestinais.
     Tamén se utiliza contra as afeccións xinecolóxicas.

    Sambucus nigra
    BIEITEIRO, SABUGUEIRO














    A flor desta árbore ou arbusto é moi utilizada na medicina tradicional para os catarros e infeccións das vías respiratorias.
    A súa infusión tamén se aconsella para a limpeza dos ollos para combatir a fatiga.
    Pola súa banda, os froitos utilízanse para elaborar mermeladas, xaropes e viños. Son lixeiramente laxantes e tamén se utilizan para doenzas de tipo nervoso coma o insomnio, as migrañas, dores de cabeza e inflamacións.





    Ningún comentario:

    Publicar un comentario