sábado, 1 de setembro de 2018

A malla tradicional


Antes da malla, a seitura
Cando o cereal está no punto correcto é o momento de facer a seitura con fouciñas, as presas cortadas vanse amoreando ata formar un monllo que se ata cunha correa feita da mesma palla;ao rematar a sega dunha leira póñense os mollos nun medeiro deixándoos así algún tempo para que vaian secando e cóbrense con silvas e herba para que os paxaros non coman os grans; logo duns días cárganse en carros e lévanse á eira onde se facían as medas.

En agosto, a malla
Durante o mes de agosto tiña lugar a malla e consistía en separar a semente da palla co fin de preparar o gran para almacenalo e usalo máis adiante no tempo.
O que ten eira malla na eira propia pero o habitual é que se faga na eira comunal, chámase ós veciños, homes, mulleres e nenos, xa que para todos hai traballo e particípase axudando uns veciños aos outros constituindo un exemplo de colaboración veciñal.
Chegado o momento de mallar desatábanse os monllos que formaban a meda e íanse estendendo na eira, en fiadas paralelas coas espigas colocadas sobre a palla da fiada anterior, de tal xeito que queden sempre á vista; iso é estrar, e a palla estendida chamábase eirada ou barda. Todo esto faise cedo para que o sol quente ben a mes antes de que cheguen os malladores, cara a media mañá.
Para facer o traballo poñíanse os homes en dúas ringleiras, uns de cara cos outros e co mallo collido pola mangueira, mentras unha ringleira xostregaba co pírtigo contra os monllos desfeitos, os da outra téñeno ergueito enriba da cabeza até o punto de quedar vertical; deste xeito con movementos acompasados, que producían un son peculiar  ían debullando  os grans das espigas. Isto chámase a porfía. Os homes van mallando ringleira a ringleira ata rematar a eirada e cando rematan dánlle a volta á palla para mallar a que quedara pola parte de abaixo.
Rematada a malla vaise collendo a palla xa sin gran-colmo-sacudíndoa contra as pernas e colocando os mangados sobre un vincallo de colmo mollado atados polas puntas e retorcidos; cando se xunta unha certa cantidade de colmo átase co vincallo facendo un colmeiro.
Cando se quitou toda a palla os homes deixan lugar ás mulleres que entran con vasoiras de xesta para quitar os lixos que haxa por riba e despois xuntan o gran con angazos;logo de xunto todo o gran bótase nunha sábana fóra da eira e ésta bárrese ben para colocar a seguinte airada e, mentras, os rapaces van levando os colmeiros para o palleiro e os homes toman un anaco de pan con touciño e beben viño ou augardente para logo botar outra eirada.

Logo  había que limpar o gran, aventar, facíase coa fin de que o gran se liberase das devanditas impurezas, para o que se necesitaba que correse algo de vento; o gran introducíase nun pandeiro ou cribo con fondo de coiro sen buratos que se erguía no alto, ladeábase e deixábase caer, deste xeito o vento levaba as argañas ou puxas e a “morriñada”; feito isto escóllese con cribos que poden ter o fondo de coiro con buratos ou de aramio; finalmente métese en sacos ó tempo que se mide co ferrado e lévase para a casa ó lombo ou no carro para  depositalo nunha arca ou hucha que quedaba aberta algún tempo.


Cando remataba a malla faciase unha comida máis ou menos festiva dependendo da duración do traballo e dos costumes locais: o cocido, o carneiro guisado…acompañado das broas de pan de millo ou centeo e as xerras de viño tinto para ao remate xogar algunha partida ás cartas .
Andando o tempo entran no campo galego as malladoras e aventadoras, a comezos do s.XX, sendo manuais as primeiras para pasaren logo a ser de motor; pouco a pouco a medida que avanza o século a malladora e aventadora van sustituindo ós mallos, a mediados dos anos 30 a maioría xa malla con máquinas a motor de gasolina, ben de seu, ben mercadas entre varios veciños ou por algúns que van polos lugares ofrecendo a súa maquinaría; manténdose a forma tradicional en zonas illadas de montaña, nas casas de poucos recursos e nas de escasa producción cerealeira.
Como di Xaquín Lorenzo en “A Terra”:”...certo é que as máquinas alivian ó traballador do campo mais non hai dúbida de que tamén o desvencellan da terra ó face-las angueiras máis impersoais.”

EIRA: unha superficie de pedra de granito, lousas, cemento ou terra que se lastraba con bosta fresca, que ao secar se poñía dura de xeito que impedía que os grans se entuasen. Para limpar a eira usábanse as vasoiras de xesta ou codeso, no caso de que fose de terra bastaba con quitarlle as herbas que podían nacer ao ir do ano. A eira aparecía limitada por un peitoril duns 20 ou30 cm e unha vez preparada soltábanse os mollos de dereita a esquerda sempre co cañoto cara a eira, de seguido se van colocando novas fileiras de mollos a partir da metade dos anteriores e así ata completara eirada..

MALLOS: están formados por un pau longo, mangueira,e outro curto,pírtigo, articulados entre si por medio de dúas pezas de coiro cosidas, as casulas; hai mallos que levan un buraco na mangueira e outro no pírtigo para pasar as corres.








Medeiro

MEDEIRO: Grupo de monllos de centeo, trigo etc., colocados de pé uns contra os outros, que se fai na leira despois de segar.





Meda
MEDA:Morea grande de monllos de cereal colocados ordenadamente ao redor dun pau, que se fai no lugar onde despois se van mallar, polo xeral na eira. Primeiramente bótase unha manta vella no chan poñéndose en forma radial varios monllos ca espiga cara o centro provocando esto que a zona central vaia quedando sempre máis alta que as beiras dándolle esa forma cónica.Unha vez feita pónselle por riba uns aros feitos con colmo torcido e amarrados con paus que se espetan nos mollos da cuberta atando tamén cordas desde o cume caendo ó longo da meda co fin de que o aire non leve a palla. A algunhas colocábaselle unha cruz de palla ou unha coroa.

Imaxes: wikipedia; "A Terra", Xaquín Lorenzo e "A Cultura do Pan", X.L Ripalda



Ningún comentario:

Publicar un comentario