Na Ribeira Sacra o proceso de elaboración do viño, dentro da viticultura tradicional, sempre seguiu uns pasos moi semellantes, aínda que como o dito di "Cada maestrillo tiene su librillo", en cada casa cada familia tiña un toque especial para facer o seu viño o mellor do lugar.
Neste artigo pretendemos centrarnos na elaboración do viño da casa de xeito tradicional, prestando especial atención á tarefa que nos ocupa estes días: A Vendima.
Queremos anotar que vendima non había só unha: entre finais de agosto e principios de setembro algunhas familias facían unha primeira escolla recollendo os racimos máis maduros para preparar unha primeira tandada de viño novo.
Esta era unha tarefa que se facía para ter viño o propio día da vendima, se o viño vello xa se estaba rematando, ou, coma no caso dos veciños da parroquia de Fión, para celebrar a festa das carrolas (noces) e do viño novo a primeira fin de semana de outubro.
Na vida tradicional as colleitas eran xornadas de traballo pero tamén festa; nelas colaboraban familiares, amigos e veciños para recoller os froitos da tempada. Xa que eran así de intensas había que preparar cubas, cestas, culeiros,...e o máis importante viño e almorzo para repoñer forzas durante todo o día.
Se comezamos polo principio, días antes da vendima había que poñer as cubas a punto. A limpeza das cubas facíase no exterior das adegas, para iso sacábanse as cuñas e facíase rodar a cuba, primeiro polos chanteiros e despois polo chan ata sair polas grandes portas das adegas. No exterior tíñanse uns días cheas de auga para que a madeira fose inchando. Nalgúns casos procedíase a unha primeira limpa introducindo nas cubas unha cadea de ferro que ó menear a cuba golpeaba o seu interior e xa ía arrastrando unha primeira capa de sucidade.
Para que quedasen coma unha patena cumpría que unha persoa, normalmente un pequeno ou pequena, se metese dentro da cuba cun fachizo de uces na man para cepillar con xeito toda a madeira e finalmente cubrir as xuntas da cuba con sebo de cabra.
Xa temos a cuba lista, así que toca preparar a pitanza que lle de forzas a tódolos traballadores.
A comida tradicional era cabra cocida, á que acompañaban touciño, chourizos, queixo, ... e viño!
O mesmo día da vendima trasladábase en cestas ata a viña; acostumábase a facer varios descansos para repoñer forzas na adega ou á sombra dunha parra.
Ó cantar do galo, antes de que saíse o sol, comezaban a andaina cara a ribeira para chegar cando o sol comezaba a alumear os racimos a colleitar; cargados de viandas, cestas e culeiros.
As tarefas estaban ben repartidas, a maior parte de homes e mulleres encargábanse de recoller os racimos en cestas que despois baleiraban nos culeiros para que os carretadores os transportasen ó lombo ata a adega ou, de non haber, ata o carro. Os nenos e nenas tamén tiñan o seu traballo, eran os encargados de revisar as cepas pra que non quedase nin unha soa "vergoña" e ademais debían recoller os vagos que podían caer ó chan.
¡Non se podía perder nada!
Como xa comentamos, o transporte da uva facíase nos culeiros, cestos de gran tamaño elaborados con vergas de madeira de salgueiro ou castiñeiro que chegaban a pesar 80 quilos.
O esmagado da uva era xeralmente cos pés nús, ou na arca ou diretamente no interior da cuba, onde mesturaba todo xunto: cangallo e zume.
Ás veces, no interior das cubas botábanse outros ingredientes para facer o viño da casa o mellor de toda a parroquia: ósos do xamón, mazás, cortiza de carballo seca,...
Como o viño gustaba escuro era bastante habitual que se lle engadisen moras, bagas de sabugueiro ou incluso colorantes artificiais coma as anilinas.
"O viño pola cor e o pan polo sabor"
E tamén gustaba mesto:
"Eu non bebo viño que o como en cuncas gotiño a gotiño"
Pero para iso aínda imos ter que agardar unhas cantas semanas 😉
Ningún comentario:
Publicar un comentario