domingo, 26 de xullo de 2015

O CASTRO DE ARXERIZ

A croa do castro de Arxeriz érguese a 604m de altitude sobre un espolón de xisto con pequenas intrusións de graníticas; ten unha extensión de 6000m2, 107m de N a S e 70 de E a W, que forman parte da área limitada polos antecastros e foxos. A zona considerada de ocupación castrexa ten, aproximadamente, 4Ha.

Situado a 40º33´39´´latitude norte e 7º40´07´´lonxitude oeste, domina o meandro do río Miño que lle da forma ao Cabo do Mundo e forma parte dun grupo de castros que amparan e controlan o cauce nesta zona: Cabreiros, Mourelos, Nogueira, Arxeriz, Vilar de Ortelle, Amboade, Marce,...


A realidade xeolóxica sobre a que se asenta a croa dálle unha característica singular sobre os castros da zona e propicia uns fortes condicionantes sobre o desenvolvemento do poboado e a posterior conservación dos seus restos. O afloramento de xisto impide o poboamento nalgunha zona e, noutras, obriga a edificar sobre a ladeira propiciando a particularidade urbana que comeza a amosar: o aterrazamento do asentamento. A pendente, por outra banda, xoga como elemento negativo por facilitar a erosión e o arrasamento de estructuras.


O castro vai permanecer abandonado, como outros moitos, durante séculos; coa circunstancia de que a súa disposición litolóxica non propiciou o cultivo, o que o salvou das agresións propias da agricultura. Xa entrado o século XX, non puido librarse do desenrolismo que provocou o arrase da pedra e estructuras que perviviron ao longo do tempo e que, definitivamente, serviron de recheo para a estrada de Fión a Diomondi a mediados do século pasado. A finais de século sufriu a navallada da insensibilidade patrimonial que motivou a desaparición de 40 m de frente no talude N e uns 300 m2, para "librar" unha casa colindante.


Este poboamento recibiu a primeira atención coa visita e presenza de A. Fraguas e F. Cuevillas a finais dos anos 20 do pasado século que, convidados por Juan López Suárez, estiveron pola zona, o que producíu o primeiro estudo sobre os castros do lugar, na súa publicación "Os castros na terra de O Saviñao"; mesmo recolleron algunhas pezas pétreas que se gardaron ata hoxe en Arxeriz.


En 1996 constitúese a Fundación Xosé Soto de Fión que pon en marcha un proxecto cultural, patrimonial e paisaxístico, concretizado no Ecomuseo de Arxeriz. A presenza do castro dentro das instalacións do Ecomuseo provoca que, desde o inicio da andaina museística, se pensase en facer escavacións para así, rescatar unha parte do pasado, consolidalo e poñelo en valor como un elemento fundamental no proxecto de transformar Arxeriz nun referente de sensibilidade, rescate, restauro, potenciación, estudo e divulgación do patrimonio en tódalas súas vertentes: valorizando o pasado, gañando en autoestima e propiciando a utilización destes recursos coma unha fortaleza do territorio.



Ningún comentario:

Publicar un comentario